Consellería de Economía e Industria
Rueda presidiu en Río de Xaneiro o pleno do Consello de Comunidades Galegas e presentou o Xacobeo 2027

- No encontro das colectividades do exterior foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución a estreitar lazos entre Galicia e o Brasil
- O país sudamericano ocupa na actualidade o undécimo lugar como orixe de peregrinos, con máis de 8.300 no que vai de ano
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu en Río de Xaneiro o XIV pleno do Consello de Comunidades Galegas, do que sairá elixida a nova comisión delegada, e agradeceu o labor das entidades que a conforman á hora de recoller e atender as necesidades da comunidade galega no exterior, así como difundir a cultura e lingua propias. A nova comisión delegada estará composta por 13 entidades de España, Europa e América, e terá como misión traballar polos intereses dos galegos na diáspora durante os vindeiros tres anos.
Ademais, no acto foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución a estreitar lazos entre Galicia e o Brasil. Os recoñecidos nesta edición do Pleno son a presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, María Dolores Daparte; o presidente da Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficiente Rosalía de Castro, Casto Vieites; a expresidenta da asociación Recreo de Anciáns da Vellez Desamparada, Regina Jallas; e a voluntaria e colaboradora da Asociación Cultural Hispano-gallega Caballeros de Santiago, de Salvador de Bahía, Lourdes Valencia.
A xuntanza tivo lugar na Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada, unha institución que representa un exemplo de solidariedade e na que a colectividade galega ten moito que ver tanto na súa creación como no seu funcionamento. A asistencia a este encontro das Comunidades Galegas puxo fin á viaxe de Rueda ao Brasil, onde residen máis de 53.000 galegos, o que sitúa a este país como o segundo coa maior colectividade galega no exterior, só por detrás da Arxentina.

PRESENTACIÓN DO XACOBEO 2027 EN RÍO DE XANEIRO
Tamén en Río de Xaneiro, o presidente da Xunta presentou o Xacobeo 2027 e animou a todos os brasileiros a visitar Galicia e vivir a experiencia de peregrinar cara Santiago a través das diferentes rutas que compoñen o Camiño de Santiago. Máis de 564.000 peregrinos recolleron a súa compostela no que vai de ano, superando xa o récord histórico do 2025. Deles, máis de 8.300 procedían do Brasil, que ocupa o undécimo lugar como país de orixe dos turistas que realizan o Camiño.
Neste sentido, cabe destacar a importancia e a oportunidade que supón o futuro Ano Santo para reforzar o prestixio de Galicia no mundo, posibilitando a apertura de novas vías de negocio nun mercado tan amplo e dinámico como o do Brasil.

























