Consellería de Economía e Industria
A Xunta prevé empregar madeira na fabricación das naves industriais e das vivendas do programa Galicia Industria 360

- A conselleira de Economía e Industria asistiu en Viena á feira enerxética Enlit Europe e visitou o edificio máis alto de Europa e o segundo do mundo construído en madeira e formigón, con 84 metros de altura e 24 plantas
- A delegación da Xunta intercambiou experiencias en Austria sobre construción industrializada en madeira
- Galicia forma parte da Plataforma Europea da Política da Madeira, European Wood Policy Platform (WoodPop), un foro de diálogo político e cooperación paneuropeo fundado en 2021 por Austria e Finlandia
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, realizou unha viaxe a Viena para coñecer de preto o modelo austríaco de arquitectura en madeira e visitar unha das principais feiras europeas de enerxía, Enlit Europe. A industria forestal de Austria é un dos motores económicos e de innovación máis importantes do país, que destaca pola súa extensa experiencia en xestión sustentable dos bosques e por ser un referente en arquitectura e enxeñaría en madeira.
Galicia é membro da Plataforma Europea da Política da Madeira, European Wood Policy Platform (WoodPop), un foro de diálogo político e cooperación paneuropeo fundado en 2021 por Austria e Finlandia para impulsar o uso sustentable da madeira e dos produtos derivados dela. A comunidade autónoma participa activamente nesta iniciativa a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), concretamente do CIS-Madeira, nos grupos de traballo técnico (Building e Innovation & Research). A plataforma reúne actualmente 100 representantes gubernamentais de 27 países europeos, así como uns 150 expertos e organizacións do sector, centros de investigación e industria.
Lorenzana asegurou que Austria pode ser un modelo a seguir á hora de fomentar o desenvolvemento urbanístico sustentable e a construción en madeira, un material que, segundo avanzou, a Xunta quere empregar na fabricación das naves industriais e das vivendas que se van ofertar dentro do programa Galicia Industria 360. “Para nós, para Galicia, é fundamental coñecer de primeira man as experiencias que xa se están dando noutros países como é o caso de Austria -dixo-, onde se emprega moito a madeira, que é un recurso natural fundamental de Galicia que pretendemos tamén poder industrializar e utilizar na fabricación desas naves e desas vivendas na nosa comunidade autónoma”, engadiu.
PROXECTO DE EXPANSIÓN URBANA
A conselleira de Economía e Industria fixo estas declaracións logo de visitar o HoHo Wien e toda a zona residencial da contorna acompañada por representantes do Ministerio Federal Austríaco de Agricultura e Silvicultura, Clima e Protección do Medio Ambiente, Rexións e Xestión da Auga. Trátase de Aspern Seestadt (situado no distrito 22, ao noreste de Viena), un dos proxectos de expansión urbana máis grandes de Europa concibido como unha ‘cidade xunto ao lago’ (Urban Lakeside) baseada en criterios de sustentabilidade e ecoloxía urbana, onde a madeira está moi presente na arquitectura.
Pola súa banda, o HoHo Wien é o edificio máis alto de Europa e o segundo do mundo construído en madeira e formigón, segundo o Council on Tall Buildings and Urban Habitat (CTBUH). Ten 84 metros de altura, 24 plantas e arredor do 75 por cento da estrutura e dos materiais nos que foi construído son de madeira. Grazas a que se montou con pezas prefabricadas e secas -uns 800 piares de madeira de abeto local sosteñen as cargas verticais-, os operarios puideron ensamblar as plantas de madeira a un ritmo moi superior ao dun edificio de cemento tradicional, aforrando no proceso máis de 2.800 toneladas de emisións de CO².
A súa relevancia non reside unicamente na dimensión arquitectónica. É especialmente interesante porque demostra como a madeira pode incorporarse a proxectos inmobiliarios complexos, con usos diversos, esixencias elevadas de seguridade, necesidades de flexibilidade e unha importante compoñente de industrialización.

























