Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta salienta a capacidade de innovación do sector galego da lousa e a súa fortaleza para dinamizar o rural

  • No acto de entrega dos III Premios de construción sustentable con pizarra, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, gabou a valía da minaría galega e destacou que a lousa “crea actividade económica competitiva no rural”
  • Garante a defensa dunha minaría compatible co respecto ao medio ambiente e que “ao mesmo tempo, poida desenvolverse con seguridade xurídica, planificación e visión de futuro”

No acto de entrega dos III Premios de construción sustentable con pizarra, que recoñecen o talento, a innovación e as posibilidades desta industria, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, gabou a valía da minaría galega, e máis concretamente do sector da lousa, “que xera industria e emprego alí onde se atopan os recursos e faino cun compromiso cada vez maior co territorio, coa innovación e co medio ambiente”, afirmou. A continuación engadiu que “este material que forma parte da identidade produtiva de Galicia e crea actividade económica competitiva no rural, ofrece oportunidades profesionais e contribúe ao desenvolvemento do territorio”.

Pablo Fernández Vila asegurou a defensa desde o Goberno galego dunha minaría compatible co respecto ao medio ambiente e que “ao mesmo tempo, poida desenvolverse con seguridade xurídica, planificación e visión de futuro”. “Porque a sustentabilidade non consiste en renunciar aos recursos naturais; consiste e aproveitalos ben, con responsabilidade, con eficiencia, xerando valor e procurando que ese valor permaneza no territorio –subliñou–, e iso é tamén o que representa a lousa galega”.

Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas enxalzou o traballo que está a desenvolver o Clúster da Pizarra para poñer en valor unha industria que “forma parte do futuro industrial de Galicia e que é apreciada dentro e fóra de Galicia grazas ao coñecemento, traballo e capacidade empresarial acumulados durante décadas”.

OS TRES PROXECTOS PREMIADOS

Nesta edición, obtivo o primeiro premio Big Fish, unha vivenda unifamiliar situada en Cadavedo (Asturias) e proxectada polo estudio F5 Proyectos y Arquitectura. O proxecto plantexa unha vivenda concebida como un recorrido fluido entre o xardín, as montañas e o mar. A xeometría curva permite adaptarse aos límites da parcela e elevar a construción sobre o terreo, reducindo a súa pegada física.

O primeiro accésit foi para Memoria en Lousa, bodega diseñada polo estudio Mol Arquitectura. E o segundo accésit recaeu en A Casa Gobo, proxecto de rehabilitación dunha construción vernácula para actividades de agroturismo levado a cabo por FIRM Arquitectos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia