Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O programa Moves III da Xunta destina 19,6 millóns de euros en axudas á compra de vehículos eléctricos e á instalación de puntos de recarga

  • Os apoios, que poden chegar a 9.000 euros en función do tipo de solicitante, modelo e uso, abarcan eléctricos puros, híbridos enchufables, eléctricos de autonomía estendida e de pila de combustible
  • A liña para implantación de infraestruturas de recarga establece axudas de entre o 20% e o 80% do custo subvencionable
  • Con esta nova convocatoria, a Xunta prevé mobilizar case 100 millóns de euros, favorecer un aforro anual de 2,8 millóns nos custos de combustible e lograr unha redución de CO2 equivalente a plantar 186.000 árbores
  • O ourensán Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas, avanzou as características do Moves III-2025 nunha visita a Cibrao Motor, un dos 295 puntos de venda adheridos ao programa da Xunta

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, avanzou en Ourense que a Xunta de Galicia ten previsto mobilizar preto de 100 millóns de euros coa nova convocatoria do programa Moves III-2025, cuxo prazo de presentación de solicitudes abriu o pasado luns e que conta cun orzamento de 19,6 millóns de euros destinados a incentivar a compra de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga.

Fernández Vila visitou en San Cibrao das Viñas (Ourense) o concesionario Cibrao Motor, unha das entidades colaboradoras adheridas ao programa, onde lembrou que poden beneficiarse desta iniciativa os particulares, as comunidades de propietarios, os autónomos, empresas e entidades locais sempre que o soliciten antes do 31 de decembro deste ano ou ata que se esgote o crédito.

A convocatoria conta con dúas liñas. A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos puros, híbridos enchufables, eléctricos de autonomía estendida ou de pila de combustible. As axudas oscilarán entre os 700 e os 9.000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións.

A segunda liña do Moves III-2025 diríxese á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 20% e o 80% do custo subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia dos puntos de recarga, ou localización en concellos de menos de 5.000 habitantes.

MÁIS DE 11.500 AXUDAS EN CATRO ANOS

Desde que se abriu a convocatoria do MOVES III en 2021, concedéronse máis de 11.500 axudas por importe superior aos 49 millóns de euros. Nesta edición están adheridas 916 entidades colaboradoras, das que 295 correspóndense con puntos de venda e 621 son instaladores de baixa tensión.

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas lembrou que o obxectivo deste programa é contribuír a incentivar a demanda ao tempo que se fomenta unha mobilidade eléctrica e sustentable, contribuíndo á descarbonización do transporte. Outros  beneficios son a redución dos custos enerxéticos para os propietarios dos vehículos e o fomento dunha rede pública e privada de puntos de recarga.

Con estes apoios, a Xunta de Galicia agarda mobilizar preto de 100 millóns de euros, favorecer un aforro económico anual de 2,8 millóns nos custos de combustible, así como lograr unha redución de CO2 equivalente a plantar 186.000 árbores.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia