Consellería de Economía e Industria
Lorenzana reclama do Goberno central a urxente aprobación da nova planificación eléctrica para garantir “o forte desenvolvemento industrial que está a ter Galicia”
-
Logo dunha reunión de traballo co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, a conselleira detalla que o proxecto recolle parte das alegacións presentadas pola Xunta, pero deixa outras actuacións pendentes, como a da zona da Plisan e o centro da provincia de Lugo
-
Está previsto que a nova planificación eléctrica quede aprobada a finais de ano e a Xunta agarda que as peticións agora desatendidas sexan recollidas “nesta ou nas seguintes modificacións”
-
María Jesús Lorenzana pide axilidade na tramitación e na execución das obras, e “que se acompase todo ese reforzo da rede ao desenvolvemento de solo industrial que se está rexistrando en Galicia”
Nunha reunión de traballo co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou ao Goberno “a necesaria celeridade” para que a nova planificación da rede de transporte eléctrico deseñada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico estea aprobada canto antes, porque “é urxente” para o desenvolvemento industrial “tan forte” que está a ter Galicia. Neste encontro en Madrid, onde se avaliou o estado de tramitación da nova planificación, a titular de Economía e Industria da Xunta estivo acompañada polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila.
Ao finalizar a xuntanza, Lorenzana manifestou que “por un lado se nos confirma que a intención é que finalice a tramitación e se poida aprobar a nova planificación a finais de ano” e engadiu que o proxecto recolle parte das alegacións presentadas por Galicia, aínda que deixa outras pendentes que a Xunta agarda que estean recollidas “nesta ou nas seguintes modificacións”.
En particular, quedan sen atender, e son zonas “prioritarias”, a área da Plisan e toda a conexión entre a provincia de Pontevedra e a de Ourense. Tamén a zona central de Lugo, que conecta coa provincia da Coruña, e o enganche con Curtis, “unha zona moi industrial e que agora non está reforzada”, precisou a Conselleira. Con respecto á Plisan, que non ten conexión suficiente, a Xunta solicitou que se busque unha solución: “É necesario que nesta ou na seguinte modificación puntual, de xeito urxente, se acometa ese investimento”, remarcou.
Lorenzana lanzou unha dobre petición ao Goberno central: axilidade na tramitación e na execución das obras, e que se acompase todo ese reforzo da rede ao desenvolvemento de solo industrial que se está rexistrando en Galicia. De feito, a conselleira entregou a planificación para o período 2025-2030 que a Xunta está a desenvolver neste ámbito, co fin de que se busquen os mecanismos necesarios para garantirlles subministración eléctrica ás industrias. “É clave a axilidade, tanto na tramitación como na execución das obras para que de aquí ao ano 2030 estea a rede reforzada”, concluíu.

























