Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana avanza que desde o 30 de xuño xa se poderán solicitar as axudas do Plan MOVES III para a compra de vehículos eléctricos

  • O balance en Galicia das tres edicións que se levan convocado é dun orzamento de 54 millóns e de 13.743 solicitudes por un importe conxunto de 73,8 millóns
  • A conselleira de Economía e Industria lamenta que o Goberno non atenda as peticións das comunidades autónomas e do sector consistentes nun plan “que corrixa as deficiencias do actual modelo”
  • En contraposición ao MOVES, enxalzou o programa de axudas convocado pola Xunta con fondos propios, o plan Renova o teu vehículo, xa que implica un desconto directo na factura de compra, ao ser aplicado polo concesionario dentro da operación

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanza que o Diario Oficial de Galicia (DOG) do vindeiro 30 de xuño publicará a convocatoria das axudas do novo Plan MOVES III 2025, que subvenciona a compra de vehículos eléctricos e a instalación de infraestruturas de recarga. Lorenzana fixo este anuncio durante a súa visita á VI Feira do automóbil híbrido e eléctrico de Ribeira, onde concretou que este programa de axudas vai contar nesta convocatoria cun orzamento de 19,6 millóns de euros. Segundo dixo, as tres edicións do Plan MOVES que se levan convocado suman 54 millóns de orzamento e 13.743 solicitudes por importe de 73,8 millóns de euros.

A titular de Economía e Industria lamentou que, a pesar de que o que se lle leva pedindo ao Goberno por parte de comunidades autónomas e o sector é un MOVES IV que corrixa as deficiencias do actual modelo, non foi así. Nese sentido, contrapuxo a este programa o que convoca a Xunta de Galicia con fondos propios, o Renova o teu vehículo. Un modelo de axudas (de ata 4.600 euros) aplaudido polo sector, resaltou, porque é o propio concesionario o que fai o desconto do total a pagar, co cal se resolve a concesión e o pagamento simultaneamente; é dicir, implica un desconto directo na factura de compra.

A última edición do Plan Renova o teu vehículo foi “un verdadeiro éxito”, lembrou, porque esgotou os fondos (3,17 M€) en apenas un mes e medio desde que se convocou en xaneiro. Recibíronse 1.491 solicitudes por valor de 3,32 M€ que mobilizaron 33,5 M€.

Neste sentido, volveu ratificar que a Xunta vai seguir traballando da man dos concesionarios para estimular a demanda e promocionar as vendas de vehículos eficientes, porque tamén é necesario actuar neste último elo da cadea para impulsar unha transición xusta no sector, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia