Consellería de Economía e Industria
Lorenzana enxalza o crecemento e contribución do sector turístico, cuns ingresos este ano que xa superan os 118 millóns, un 2,9% máis que no exercicio anterior
- A conselleira de Economía e Industria precisa que as actividades turísticas son o motor do 11% do total de ocupados na Comunidade
- Afirma que as empresas do sector turístico están a contribuír á internacionalización da economía galega e á proxección exterior do territorio
- María Jesús Lorenzana participou en Santiago na inauguración do proxecto Casas do Sarela, que converteu unha antiga fábrica de curtidos nun novo establecemento cun diseño arquitectónico que conxuga tradición e vangarda
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destaca que as empresas do sector turístico están a contribuír á internacionalización da economía galega pois “dannos cada vez máis proxección exterior”. Lorenzana participou en Santiago na inauguración do proxecto Casas do Sarela, onde aproveitou para poñer en valor esta iniciativa que “a nivel arquitectónico conxuga tradición e vangarda” e que converte a antiga fábrica de curtidos de Ponte Sarela nun acolledor establecemento turístico integrado na súa contorna.
Na súa intervención, a conselleira destacou o récord acadado polas exportacións galegas (máis de 31.000 millóns de euros) e puxo en valor que o sector turístico abrangue xa o 11% do total de ocupados na Comunidade e que no que vai de ano obtivo uns ingresos de 118 millóns de euros, un 2,9% máis que no mesmo período de 2024.
Ademais, a titular de Economía e Industria destacou o compromiso do Goberno galego co apoio e acompañamento ás empresas e a proxectos coma este, “que ogallá contribúa a expandir aínda máis este ciclo tan positivo que vive o turismo en Galicia”, apuntou.