Consellería de Economía e Industria
A planificación industrial da Xunta está orientada a facilitar o acceso ao solo industrial, a potenciar o emprego e a fortalecer o tecido empresarial galego
-
María Jesús Lorenzana anunciou a creación da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, competencia que pasa a depender da Consellería de Economía e Industria
-
Reafirmou no Parlamento que o Goberno galego aposta por un desenvolvemento do solo industrial ben dimensionado, conectado coas necesidades e demandas reais das empresas e que prioriza o respecto ao territorio
-
En resposta a unha pregunta sobre o proxecto de Sentury Tire Spain nas Pontes precisou que non hai ningún atraso imputable á Administración galega na obtención de permisos e confía na aprobación definitiva
-
A conselleira defendeu no Parlamento a axilidade administrativa da Xunta para facilitar a implantación de proxectos industriais e lembrou que o compromiso co futuro industrial da Comunidade “é inequívoco e indiscutible”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu no Parlamento galego que a política de planificación industrial da Xunta facilita o acceso das empresas ao solo industrial, potencia o emprego e fornece o tecido empresarial galego. Neste contexto, explicou que a primeira gran aposta do Goberno galego en canto á planificación da creación de solo empresarial ven coa integración na Consellería de Economía e Industria desta competencia a través da posta en marcha da Dirección Xeral de Estratexia industrial e solo empresarial.
Esta medida, segundo avanzou, completarase co custo cero do solo público empresarial durante 8 anos. Son dúas iniciativas coas que “tratamos de responder ás necesidades e demandas reais das empresas, que é o noso principal obxectivo”, subliñou.
María Jesús Lorenzana explicou que o Goberno galego ten apostado sempre por un modelo de desenvolvemento do solo empresarial público flexible adaptado ás necesidades das persoas emprendedoras, co obxectivo de servir de factor dinamizador do crecemento e desenvolvemento do sector industrial no territorio, e na busca da eficiencia do investimento e do incremento de oportunidades para quen quere emprender.
Neste sentido, a titular de Economía e Industria destacou que a Xunta vai seguir apostando por un desenvolvemento do solo industrial ben dimensionado; adaptado ás demandas reais, priorizando as zonas industriais, e tendo en conta as afeccións territoriais e as infraestruturas e recursos necesarios para as industrias. E todo isto ao mesmo tempo que se prima a flexibilidade e a axilidade acompañadas de seguridade xurídica e do respecto ao territorio.
AXILIDADE ADMINISTRATIVA DA XUNTA
Na mesma sesión do Parlamento de Galicia, a conselleira de Economía e Industria puxo en valor a axilidade administrativa da Xunta para facilitar a implantación de proxectos industriais en Galicia e subliñou que o compromiso do Goberno galego co futuro industrial da Comunidade é inequívoco e indiscutible.
Lorenzana respondeu a unha pregunta oral sobre o proxecto da empresa de pneumáticos Sentury Tire Spain S.L.U. nas Pontes de García Rodríguez, que ten prevista unha produción anual de 12 millóns de pneumáticos, un investimento que supera os 530 millóns de euros e a creación de 750 postos de traballo.
Ao respecto, a conselleira insistiu en que non hai ningún atraso imputable á Administración galega na obtención de permisos para o establecemento deste proxecto estratéxico. “Desde que se someteu a información pública ata que se concedeu a declaración de impacto ambiental transcorreron cinco meses “, asegurou para lembrar que antes de aprobar definitivamente un proxecto cómpre conseguir a autorización ambiental integrada. E, ao fío, apuntou que no caso de Sentury, en canto a documentación por parte do promotor estea completa, poderase continuar co dito procedemento de tramitación ata a súa aprobación definitiva, de ser o caso.
“Hai unha garantía por parte deste goberno de tramitar os proxectos industriais estratéxicos no prazo máximo dun ano -– subliñou–, un prazo que consideramos suficiente para, con todos os prazos legais que hai na lexislación actual ambiental, chegar a tempo”. E engadiu o mantemento do rigor técnico como garante da protección ambiental da contorna como outro dos avais que achega a tramitación da Administración galega.
Deste xeito, insistiu en que os procesos de tramitación hai que seguilos tal e como establece a normativa vixente e que a Xunta seguirá apegándose á Lei, con transparencia, eficiencia e responsabilidade, e facendo unha avaliación exhaustiva e minuciosa coa maior axilidade posible.