Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Estratexia Galega de Innovación Empresarial destinará máis de 400 millóns ao reto de incrementar nun 25% a cifra de empresas innovadoras

  • Galicia contará por primeira vez cunha estratexia específica para innovación, articulada en catro eixes e 14 actuacións para potenciar o apoio ao tecido empresarial
  • Alfonso Rueda subliña que o obxectivo é “que a innovación forme cada día máis parte das empresas”, o que considera fundamental “para ser máis competitivos e non quedar atrás nun mundo global e tecnolóxico”
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarca como finalidade “que a innovación remate en industrialización propia en Galicia e que xere emprego cualificado na Comunidade”
  • O Igape destinará 113,1 millóns de euros ao eixe `Mobilizar o investimento´, que busca facilitar que os proxectos conten cos recursos para desenvolverse
  • A nova Estratexia Galega pretende superar os 1.500 millóns de euros de gasto empresarial en innovación, alcanzar máis de 4.200 persoas dedicadas a estas actividades e superar os 2.700 beneficiarios dos instrumentos públicos de apoio

O Consello da Xunta aprobou a Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, que contará cun orzamento superior aos 400 millóns de euros. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que “a innovación forme cada día máis parte das empresas, o que é fundamental para ser máis competitivos e non quedar atrás nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico”, afirmou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Baixo o nome `Galicia, fábrica de Innovación´, a Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros coa prioridade de industrializar a innovación. “É dicir, facilitar que as ideas e as innovacións tecnolóxicas estean presentes na industria e desde ela cheguen ao mercado”, indicou Rueda. Á finalización do Consello da Xunta, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, manifestou: “Queremos que o talento e coñecemento se convertan en capacidade produtiva, que a innovación remate en industrialización propia en Galicia e que isto xere emprego cualificado na Comunidade”.

A iniciativa parte da evolución positiva da innovación empresarial galega “que levou a cabo un crecemento exponencial” nos últimos anos, segundo resaltou a conselleira. Nesta liña, o presidente da Xunta lembrou que “entre 2018 e 2024 o gasto empresarial en I+D medrou un 71%, ata alcanzar os 510,5 millóns de euros, mentres que o persoal das empresas dedicado a estas actividades aumentou un 30%”, ata as 6.285 persoas. Sobre este escenario, a Xunta busca agora ampliar o número de empresas que innovan, especialmente entre as pemes, e reforzar a aplicación do coñecemento ao tecido produtivo.

A Estratexia Galega de Innovación Empresarial estrutúrase en catro eixes (activar, potenciar, estruturar e mobilizar) que son complementarios e que inclúen un total de 14 medidas que abranguen todo o proceso de innovación: desde a incorporación de capacidades nas empresas ata o desenvolvemento e a comercialización de solucións tecnolóxicas, a colaboración entre os axentes do ecosistema e a mobilización de investimento.

ACTIVAR, POTENCIAR, ESTRUTURAR E MOBILIZAR

Tal e como explicou a conselleira de Economía e Industria, o primeiro eixe, cunha partida de 47,4 millóns de euros, chámase `Activar a innovación nas empresas´ e “busca facilitar que a innovación forme parte habitual das nosas empresas, especialmente das pemes”, promovendo a incorporación de talento e capacidades especializadas a través de liñas como Innocap Galicia, creada para apoiar a incorporación de profesionais cualificados vinculados a proxectos de innovación; e innova Mercado, dirixida a impulsar a comercialización dos produtos das startups.

O segundo eixe, `Potenciar a innovación´, contará con 231,9 millóns de euros e desenvolverase a través de actuacións como TIC-MAQ, orientada ao desenvolvemento de tecnoloxías propias e maquinaria avanzada, ou como Accelerator Galicia, un novedoso instrumento que combina subvención e financiamento con participación do Igape e Xes Galicia. Tamén forma parte deste eixe a iniciativa Industrializa a Innovación que, cunha partida de 66,5 millóns de euros, arrancará o próximo ano. Trátase dun novo programa de compra pública precomercial dirixido aos sectores estratéxicos da industria galega onde os centros tecnolóxicos actuarán como promotores de proxectos para facilitar a súa validación, industrialización e chegada ao mercado.

O terceiro eixe, `Estruturar e conectar´, dotado con 9,4 millóns de euros, reforzará a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e outros axentes do ecosistema. Neste ámbito destacan, entre outros, programas como MatchINN Galicia, para conectar necesidades empresariais con solucións innovadoras; e Business Wallet Galicia, para simplificar trámites coa Administración.

O Igape destinará un total de 113,1 millóns de euros a `Mobilizar o investimento´, o cuarto e último eixe. A súa finalidade é facilitar que os proxectos conten cos recursos para desenvolverse. Para iso, incorpora ferramentas como XesTransforma, destinada a mellorar a preparación dos proxectos tecnolóxicos para o investimento, e o Fondo Venture Studio, orientado a converter ideas innovadoras en iniciativas viables. Estas actuacións complementaranse cos instrumentos de financiamento do Igape e de XesGalicia.

FÁBRICA DE SOLUCIÓNS INNOVADORAS

A primeira Estratexia Galega de Innovación Empresarial tamén incorpora un modelo de acompañamento máis personalizado e proactivo por parte do Igape, que permitirá adaptar os apoios á situación de cada empresa, ao seu grao de madurez innovadora e ao seu potencial de crecemento. O obxectivo é facilitar que cada compañía identifique e aproveite os recursos máis axeitados en cada fase do seu desenvolvemento e, polo tanto, favorecer a fabricación de solucións innovadoras en Galicia.

Con esta iniciativa, a Xunta busca ampliar a base empresarial innovadora e reforzar a conexión entre coñecemento, industria e mercado. Alfonso Rueda resaltou que, entre os obxectivos fixados para 2028, figuran “incrementar nun 25% o número de empresas innovadoras, superar os 1.500 millóns de euros de gasto empresarial en innovación, alcanzar máis de 4.200 persoas dedicadas” a actividades internas de innovación nas empresas e superar os 2.700 beneficiarios dos instrumentos públicos de apoio.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia