Consellería de Economía e Industria
A Xunta avoga por converter a construción en madeira nun dos motores da transformación de todo o sector forestal galego

- Alfonso Rueda reivindica o potencial da madeira galega como solución clave e aliada estratéxica en materia de vivenda e aposta pola edificación sustentable
- Avanzou no VI Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia Piñeiros 26 que a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) terá en 2027 un incremento do seu orzamento en máis dun 35%, ata os 33 millóns de euros
- O presidente da Xunta lembrou que o sector forestal é un “motor económico indispensable” que factura máis de 2.500 millóns ao ano e que dá emprego a máis de 20.000 familias
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarcou a necesidade de seguir traballando desde a Administración para transformar a construción en demanda industrial para a cadea forestal-madeira galega
Na súa intervención no VI Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia Piñeiros 26, organizado pola Fundación Arume na Cidade da Cultura, o presidente da Xunta destacou o papel clave da madeira como unha aliada estratéxica para a construción e a rehabilitación de vivenda. Neste acto, no que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e con clausura a cargo da conselleira de Economía e Industria, o titular do Executivo autonómico sinalou que Galicia “conta co recurso natural, co coñecemento e co talento” necesarios para liderar esta transformación.
Neste sentido, Alfonso Rueda lembrou que a Xunta mantén o compromiso de dar exemplo desde o sector público fixando como obxectivo que, progresivamente, o 20% das novas edificacións autonómicas utilicen madeira na súa estrutura. “Unha axuda única en España e pioneira en Europa promovida polo Goberno galego, que desde o ano 2020 xa mobilizou máis de 14,3 millóns de euros para incentivar o uso estrutural da madeira na edificación”, resaltou o presidente da Xunta.
Para dar un impulso decidido a toda a cadea de valor e industrialización do monte, adiantou que a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) incrementará o seu orzamento no ano 2027 en máis dun 35%, ata acadar os 33 millóns de euros. Este esforzo orzamentario busca consolidar un “sector fundamental” para a economía galega, que “factura máis de 2.500 millóns de euros ao ano, conta con máis de 3.300 empresas e sostén o emprego a unhas 20.000 familias”, detallou Rueda.
Ademais referiuse a outros eixes prioritarios para o futuro do monte, entre os que destacou a loita contra o minifundismo, con máis de 2,7 millóns de euros para as agrupacións forestais de xestión conxunta, a valoración das coníferas e a marca Pino de Galicia, así como o fomento da prevención de incendios e da ordenación do territorio a través do anteproxecto da futura Lei de loita contra os incendios forestais ou axudas contra o abandono da terra.
MOTOR DA CADEA FORESTAL-MADEIRA
O acto de clausura do VI Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia Piñeiros 26 correu a cargo da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, que avogou por converter a construción en madeira nun dos motores da transformación do sector forestal en Galicia e subliñou a necesidade de seguir traballando para transformar a construción en demanda industrial para a cadea forestal-madeira galega. “Galicia parte cunha vantaxe evidente, pois temos a materia prima e temos tecido industrial sobre o que construír esa evolución”, dixo.
Na súa intervención, explicou que a Administración debe acompañar o sector e ao mesmo tempo desempeñar un papel fundamental como xeradora de demanda, que é o labor que está a desenvolver a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) coa incorporación da madeira aos edificios públicos e a promoción de proxectos que permitan ás empresas adquirir experiencia, desenvolver solucións e acreditar a súa capacidade industrial.
























