Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana avanza unha nova lexislatura na Xunta de traballo coordinado co tecido empresarial galego para situar a Galicia á vangarda económica de España

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación participou en Madrid no acto de entrega do `XVII Premio Victoriano Reinoso´, concedido por Aegama ao empresario viveirense Francisco Vale

  • María Jesús Lorenzana asegurou que o Goberno galego vai seguir ofrecendo estabilidade e apoio ás empresas, e que unha das principais liñas da política económica continuará baseada na colaboración público-privada

  • Defende que esa será a “folla de ruta” dos vindeiros catro anos, xa que “o obxectivo é xerar certezas e estar ao lado de quen emprende e crea riqueza”

  • Destacou do premiado por Aegama, Francisco Vale, actual conselleiro delegado de Unilusión, a súa traxectoria e compromiso social co emprego inclusivo

  • O empresario nado en Viveiro lidera un novo proxecto en España, despois de máis de tres décadas en París como director xeral no sector dos facility services, no que chegou a xestionar unha compañía con 13.000 empregados

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reiterou o compromiso da Xunta por seguir traballando a vindeira lexislatura de xeito coordinado co tecido empresarial galego para situar Galicia á vangarda económica de España. Así o manifestou durante a súa intervención no acto de entrega do `XVII Premio Victoriano Reinoso´, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), e que nesta edición lle foi concedido ao empresario Francisco Vale, conselleiro delegado de Unilusión, de quen Lorenzana destacou a súa traxectoria e compromiso social co emprego inclusivo.

A conselleira asegurou que o Goberno galego vai seguir ofrecendo estabilidade e apoio ás empresas, e que unha das principais liñas da política económica seguirá sendo a colaboración público-privada. Será a folla de ruta da Xunta os vindeiros catro anos, dixo, porque o obxectivo é xerar certezas e estar ao lado de quen emprende e crea riqueza.

Referiuse, así, ao papel que vai desempeñar a Oficina Económica de Galicia, como órgano de asesoramento técnico e personalizado para as empresas con proxectos de investimento. E, tamén, incidiu no proceso de desburocratización que está levando adiante a Administración autonómica para reducir os prazos administrativos, ou na mellora das condicións de acceso a solo empresarial.

Lorenzana puxo en valor o traballo que está a facer o tecido empresarial galego e enxalzou a súa capacidade de adaptación ás exixencias do contexto actual. E concluíu comprometendo o apoio da Xunta para xerarlle oportunidades para o investimento, o crecemento e a internacionalización.

FRANCISCO VALE, INTEGRADOR LABORAL E SOCIAL

Coa distinción anual do `Premio Victoriano Reinoso´, Aegama recoñece a traxectoria profesional do empresario Francisco Vale, nado en Viveiro (Lugo). A activa asociación dos empresarios galegos establecidos en Madrid destaca de Francisco Vale, actual CEO de Unilusión e xestor e emprendedor durante a súa longa etapa en París, que logo de máis de 30 anos de experiencia como director xeral no sector dos facility services, no que chegou a estar á fronte dunha compañía con 13.000 empregados, agora “emprende un novo proxecto, creando un equipo completo de posibilidades, disposto a aportar as capacidades e solucións necesarias a un innovador modelo de negocio futurista-dixital e aberto ás novas causas profesionais e persoais”.

O galego Francisco Vale xa atesoura outras distincións, como o Premio da Asamblea Nacional Francesa pola súa loita contra a exclusión e o premio da Fundación Integra por alcanzar as 200 contratacións de persoas en exclusión.

O acto de entrega organizado por Aegama, e presidido pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, tivo lugar no Eurostars Madrid Tower do Paseo da Castellana. Asistiu unha numerosa representación de socios de Aegama e da colectividade galega afincada na capital de España.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia