Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda subliña que os investimentos das empresas familiares galegas “teñen moita máis perspectiva, seguridade e unha maior implicación co país”

  • O presidente da Xunta enxalzou no XXV aniversario da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) o destacado papel deste tipo de sociedades na boa marcha da economía galega
  • Puxo en valor que representan máis do 80% do emprego privado de Galicia e que achegan máis do 85% da riqueza xerada, cunha aportación de 40.800 millóns de euros ao PIB galego
  • Entre as medidas de apoio ao sector, Alfonso Rueda enumerou reducir a burocracia, potenciar o diálogo social e mellorar a formación para o emprego

Na súa participación na gala do XXV aniversario da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), que integra ás 60 principais compañías familiares da Comunidade autónoma, o presidente da Xunta puxo en valor o importante papel que xogan este tipo de sociedades na boa marcha da economía galega. Detallou que representan máis do 80% de todo o emprego privado da Comunidade e achegan máis do 85% da riqueza xerada, aportando máis de 40.800 millóns ao PIB galego.

“Ter unha base familiar implica que os investimentos teñan moita máis perspectiva, máis seguridade e unha maior implicación co país”, indicou Alfonso Rueda. Durante a súa intervención, comprometeu o apoio da Xunta para seguir impulsando a actividade económica destas empresas e, en xeral, de todo o tecido produtivo. “Os empresarios xeran riqueza e emprego e explican en gran parte o futuro dun país”, salientou, á vez que recoñeceu o papel das empresas familiares á hora de difundir “a marca Galicia, todo o que se fai aquí. A empresa familiar é Galicia Calidade en estado puro”, resaltou.

Entre as medidas de apoio ao sector, Rueda resaltou o compromiso da Xunta por reducir e axilizar a burocracia -a través de medidas como a futura Lei de administración ambiental simplificada ou da Oficina Económica de Galicia-; a aposta por reforzar o diálogo social, que se está traballando en institucionalizar por primeira vez a través dun decreto; ou o impulso á formación para o emprego, a través de diversas medidas para flexibilizala e adaptala ás necesidades reais das empresas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia