Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta enxalza en China o “apoio clave” que brinda a Antena do Igape para reforzar a internacionalización das empresas galegas nos mercados asiáticos

  • Galicia presentou ante autoridades da cidade de Chongquing, polo industrial e unha das principais municipalidades do país, e ante grandes corporacións industriais o potencial dos sectores estratéxicos galegos para abrir novas vías de cooperación
  • Covadonga Toca, directora do Igape, destaca que esta misión responde ao obxectivo de presentar “unha Galicia moderna, competitiva e aberta ao investimento internacional”
  • Na delegación galega están representadas actividades dinámicas e exportadoras da economía galega, como o sector agroalimentario, o metalmecánico, a automoción, a saúde e biotecnoloxía, a loxística e transporte, e a tecnoloxía audiovisual e dixital
  • Tal e como afirmou Covadonga Toca, estes sectores “non só reflicten a diversidade e a forza industrial de Galicia, senón tamén a súa capacidade para competir globalmente e establecer alianzas de alto valor engadido”

A Comunidade galega acaba de dar un novo pulo á súa presenza internacional ao participar na segunda xornada de traballo do Encontro de Empresas Europeas de Fabricación Avanzada, unha iniciativa organizada polo Grupo CITIC e polo Goberno Municipal de Chongqing (China). A continuidade da misión, iniciada na xornada anterior, permitiu fortalecer as relacións institucionais e avanzar en contactos clave con responsables políticos, grandes grupos industriais e representantes de diferentes países.

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou que esta misión responde ao obxectivo de presentar unha Galicia moderna, competitiva e aberta ao investimento internacional, ao tempo que puxo en valor a importancia de CITIC Group, investidor destacado en Galicia e aliado estratéxico para impulsar novos proxectos. Subliñou tamén o peso económico de Chongqing, unha das principais municipalidades de China e un referente industrial de primeiro nivel. Ademais, salientou o papel da Antena do Igape en China, que está a acompañar a delegación e que constitúe un apoio clave para facilitar contactos, identificar oportunidades e reforzar a presenza das empresas galegas no mercado asiático.

No transcurso da xornada, a delegación galega expuxo o potencial dos sectores estratéxicos que viaxan neste encontro, que representan algunhas das actividades máis dinámicas e exportadoras da economía galega. Trátase do sector agroalimentario, recoñecido internacionalmente pola súa calidade; o metalmecánico, esencial para o naval, a automoción, a eólica mariña e o aeroespazo; e o sector da automoción, sustentado por un dos principais centros industriais de Europa e un ecosistema tecnolóxico punteiro. Tamén participaron representantes dos ámbitos da saúde e biotecnoloxía, loxística e transporte, e da tecnoloxía audiovisual e dixital, que reflicten a crecente especialización e capacidade innovadora do tecido empresarial galego.

NOVAS VÍAS NA COOPERACIÓN BILATERAL CON CHINA

A directora do Igape subliñou que “estes sectores non só reflicten a diversidade e a forza industrial de Galicia, senón tamén a súa capacidade para competir globalmente e establecer alianzas de alto valor engadido”. Abondou, así mesmo, en que encontros coma este “permiten presentar Galicia ante investidores e institucións chinesas como un territorio estable, innovador e con capacidade para atraer proxectos industriais, tecnolóxicos e loxísticos de gran impacto”.

A participación galega nesta segunda xornada reforza así a estratexia de internacionalización da Comunidade, consolidando relacións con China e abrindo novas vías para acordos empresariais, transferencia tecnolóxica e cooperación bilateral. Galicia sitúase, deste modo, como un socio fiable e atractivo para impulsar novos proxectos nun dos mercados máis dinámicos e estratéxicos do mundo.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia