Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda trasladoulle ao embaixador do Reino Unido en España a vantaxe de Galicia como “socio industrial e comercial fiable e competitivo” no actual contexto europeo e internacional

  • O presidente da Xunta mantivo un encontro con Alex Ellis no marco do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, no que destacou a solidez dos intercambios bilaterais e a fortaleza dos lazos comerciais, turísticos e culturais entre ambos territorios
  • Abordaron as oportunidades de cooperación económica e industrial existentes en sectores estratéxicos como a automoción e compoñentes, agroalimentación, industria naval, enerxías renovables e biotecnoloxía
  • Alfonso Rueda convidou ao embaixador a aproveitar o Xacobeo 2027 para seguir estreitando vínculos e acollendo a miles de visitantes procedentes das illas británicas, sexto lugar de procedencia de peregrinos, con máis de 13.000 compostelas no que vai de ano

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo no marco do Foro La Toja-Vínculo Atlántico unha reunión institucional co embaixador do Reino Unido en España, Alex Ellis, na que o titular do Goberno galego destacou a solidez dos intercambios económicos bilaterais, que manteñen un saldo positivo constante para a Comunidade autónoma. O encontro, celebrado no Grove e no que tamén participou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, serviu para que ambas partes intercambiaran impresións sobre a situación xeopolítica actual e repasaron as relacións comerciais entre Galicia e o Reino Unido. Neste sentido, Rueda puxo en valor a posición de Galicia como un socio industrial e comercial fiable e competitivo no contexto europeo e internacional actual.

Así mesmo, repasaron as oportunidades de cooperación económica e industrial en sectores estratéxicos para o tecido produtivo galego, como a automoción e compoñentes, o ámbito agroalimentario, a industria naval, as enerxías renovables e a biotecnoloxía.

Coa mirada posta xa no Xacobeo 2027, o presidente da Xunta e o embaixador abordaron os profundos vínculos culturais e turísticos que unen ambos territorios a través do Camiño de Santiago. Alfonso Rueda destacou que os peregrinos estranxeiros representan xa a maioría dos camiñantes que chegan a Compostela, e detallou que o Reino Unido é o sexto país de procedencia, con máis de 13.000 compostelas rexistradas no que vai de ano. Así, o presidente autonómico convidou a aproveitar o vindeiro Ano Santo para seguir estreitando lazos e acollendo a miles de visitantes procedentes das illas británicas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia