Consellería de Economía e Industria
Rueda enxalza Conxemar como o gran escaparate da potencia pesqueira, industrial e transformadora de produtos do mar que ostenta Galicia a nivel mundial

- Na apertura da XXVII edición da Feira Internacional de produtos do mar conxelados salientou que esta gran cita sectorial consolida a Vigo “como o verdadeiro porto base dos negocios globais, vencellados ao mar, nos cinco continentes”
- Lembrou que Galicia é líder ao concentrar o 34% das empresas de transformación de produtos pesqueiros de España e o 48% da facturación total
- Reiterou o compromiso da Xunta cun “sector clave” para a economía galega: “Sempre imos remar a favor dos nosos produtos pesqueiros. Aquí está gran parte do noso futuro e da nosa economía”
- O Goberno galego exixe medidas a nivel europeo para garantir a futuro a viabilidade e sostenibilidade da pesca no continente e para manter a soberanía e seguridade alimentaria en Europa
Durante a súa intervención na Feira Internacional de produtos do mar conxelados, que se celebra en Vigo ata o 8 de outubro, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou á XXVII edición de Conxemar como “un gran escaparate da potencia pesqueira, industrial e transformadora de produtos do mar que é Galicia a nivel mundial”. Ademais, salientou a oportunidade que supón para o sector á hora de facer negocios, e de “establecer relacións comerciais, humanas e abrir novos mercados”.
O presidente galego lembrou que este encontro -que reúne a conxeladores, transformadores, distribuidores e industria auxiliar de todo o mundo-, permite consolidar Galicia como referente na industria do mar e “consolidar Vigo como o verdadeiro porto base dos negocios globais, vencellados ao mar, nos cinco continentes”. Ademais, resaltou que Galicia concentra o 34% das empresas de transformación de produtos pesqueiros de España e o 48% da facturación total.
Rueda puxo á industria do mar galega como exemplo da Galicia Calidade que define e singulariza á Comunidade, e resaltou o compromiso da Xunta con apoiar a un sector clave para a economía galega á hora de afrontar os novos retos e desafíos, entre os que citou o dunha maior competencia internacional ou o do cambio de hábitos de consumo. “Sempre imos remar a favor dos nosos produtos pesqueiros. Aquí está gran parte do noso futuro e da nosa economía. O futuro de Galicia pasa, en gran parte, polo futuro da industria marítima”, asegurou.
“PODER COMPETIR EN IGUALDADE DE CONDICIÓNS”
Nesta liña, lembrou que Galicia leva tempo defendendo medidas a nivel europeo para garantir a futuro a viabilidade e sostenibilidade da pesca no continente e para manter a soberanía e seguridade alimentaria en Europa. Nesta nova cita de Conxemar, Alfonso Rueda avogou por “competir en igualdade de condicións” con outros países e por que a industria do mar “sexa un pilar estratéxico á hora de garantir o subministro” como primeiros interesados en preservar os recursos. Ademais, resaltou que a Xunta aposta por promocionar o produto das rías galegas, fresco e conxelado, para chegar a máis consumidores, facendo especial incidencia na poboación máis nova.

























