Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Xunta e concellos traballan en sintonía para cubrir con axilidade as necesidades dos afectados polos incendios e para achegar as axudas á reconstrución

  • Alfonso Rueda, acompañado por membros do Goberno galego, reuniuse con alcaldes e alcaldesas de concellos que sufriron a vaga de lumes
  • O conselleiro Diego Calvo lembrou que os apoios están abertos desde o 1 de setembro e expresou o compromiso da Xunta para que “se reduza a burocracia na tramitación” e se axilicen os pagos
  • As axudas do Goberno galego están exentas de tributación e os beneficiarios poden solicitar na maioría das liñas anticipos do 100% do importe

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado por membros do Goberno galego mantivo un encontro con alcaldes e alcaldesas de concellos afectados pola vaga de lumes deste verán para abordar as liñas de axudas que a Xunta vén de poñer en marcha para dar resposta aos danos provocados polos lumes. Nunha intervención posterior ao encontro, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, trasladou o “ton construtivo” da reunión, na que os representantes do Executivo autonómico detallaron as distintas liñas das axudas para a reconstrución das zonas afectadas polo lume aprobadas o pasado 29 de agosto nun Consello da Xunta extraordinario en Ourense e publicadas ao día seguinte no Diario Oficial de Galicia (DOG).

As axudas aprobadas e trasladadas agora aos rexedores e rexedoras inclúen indemnizacións por danos persoais, apoios para compensar os gastos das entidades locais, de empresas e tamén de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como medidas destinadas á rehabilitación e reconstrución de vivendas ou á recuperación de infraestruturas en espazos protexidos e hábitats cinexéticos.

Así, o conselleiro Diego Calvo lembrou que desde o 1 de setembro os damnificados xa teñen abertas todas estas liñas de axudas e tamén están abertas as 16 oficinas próximas ás zonas afectadas. Ademais, teñen á súa disposición atención telefónica a través do teléfono de atención e información á cidadanía, que se viu reforzado para este cometido.

A reunión cos rexidores foi “unha primeira toma de contacto” para expoñer as distintas ordes ás que se pode optar, coñecer as demandas dos concellos e atender as súas dúbidas. “Se durante a extinción a prioridade era protexer ás persoas e ás vivendas, unha vez extinguidos os últimos focos agora toca seguir ao lado dos concellos para axudarlles na reconstrución”, incidiu o responsable da Consellería de Presidencia.

AXILIDADE NOS PAGOS

A Xunta está a traballar arreo para resolver todas as solicitudes co compromiso de que “se reduza a burocracia na súa tramitación” e tamén se axilicen os pagos. Cómpre aclarar que as achegas do Goberno galego están exentas de tributación e, segundo lembrou Diego Calvo, os beneficiarios poden solicitar anticipos do 100% na maior parte das liñas de axudas. Nesta liña, matizou que no caso dos apoios contemplados para os gastos das entidades locais derivados das súas actuacións como consecuencia dos incendios, así como polos danos ocasionados en bens de titularidade municipal, é preciso avaliar previamente os custos e xustificalos para habilitar os correspondentes convenios de colaboración.

Por outra parte, Diego Calvo engadiu que, á marxe das axudas, a Xunta, a través de Augas de Galicia, xa traballa para paliar os posibles efectos dos arrastres provocados polas choivas ou as escorrentías nos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, a única das catro da Comunidade que é de competencia autonómica. Neste senso, estanse a levar a cabo medidas para evitar que as cinzas cheguen aos ríos. A maiores, na reunión tamén se explicaron os traballos que xa se están realizando desde Medio Rural para estudar o terreo afectado e posteriormente realizar accións de prevención da erosión e restauración.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia