Consellería de Economía e Industria
A Xunta reforza as relacións empresariais con México co desafío de impulsar novas oportunidades de investimento en ambas economías

- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, analizou posibles vías de colaboración económica nun encontro co cónsul honorario de México e cos responsables da Antena do Igape nese país
- As vendas das empresas galegas no mercado mexicano alcanzaron o ano pasado un valor económico de 324 millóns de euros e representaron o 10,5% de toda a exportación galega
- Lorenzana ratificou o compromiso do Goberno galego con dar apoio ao tecido empresarial para expandirse no mercado exterior e ampliar a súa capacidade exportadora
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, analizou en Santiago as relacións comerciais e empresariais entre Galicia e México nun encontro co novo cónsul honorario Alfonso Pereira e cos responsables da Antena do Igape neste país. Na reunión tamén se abordaron posibles novas vías de colaboración económica e oportunidades de investimento para ambas dúas economías.
México é un mercado de alto interese para Galicia. Así, as exportacións galegas acadaron o ano pasado os 324 millóns de euros, nas que destacan produtos dos sectores da automoción, téxtil, agroalimentario e metalmecánico, fundamentalmente. No que respecta ao número de empresas que exportan os seus produtos a ese país, ascendeu a 409 no 2025.
Lorenzana expuxo ao cónsul honorario os principais obxectivos da política económica e industrial da Xunta, que busca afianzar a internacionalización da economía galega promovendo tanto as exportacións como o investimento exterior na Comunidade. Neste contexto, presentoulle o labor que vén facendo a Oficina Económica de Galicia como interlocutora á hora de identificar proxectos de interese para a industria galega e de darlles todo o asesoramento e o acompañamento administrativo necesario para a súa implantación.
Finalmente, a conselleira de Economía e Industria ratificou o compromiso do Goberno galego con dar apoio ao tecido empresarial para expandirse no mercado exterior e ampliar a súa capacidade exportadora, toda vez que as exportacións da Comunidade rozaron o ano pasado os 31.000 millóns de euros.
























