Consellería de Economía e Industria
A Consellería de Economía e Industria eleva un 6% o seu orzamento, ata os 480 millóns, e terá prioridades como o solo industrial, a innovación e o sector da defensa

- Na presentación das contas no Parlamento, María Jesús Lorenzana salientou que Xestur bate un récord histórico de 46 millóns, co obxectivo de desenvolver case 12 millóns de metros cadrados de solo empresarial
- Unha das novidades dos orzamentos da Consellería será o programa Galicia Industria 360, que ofrecerá naves preparadas para acortar os prazos de implantación de novas empresas
- As principais actuacións recollidas na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) para 2027 contarán con 19,5 millóns de euros, un 50% máis
- O contía para o Igape medra un 3,9%, ata os 292 millóns de euros, dos que máis de 140 millóns serán destinados a financiamento empresarial, que sobe un 11%
- O Inega inxectará 40,5 millóns en actuacións como apoiar os investimentos de empresas, entidades e familias, e impulsar o autoconsumo e o almacenamento
- A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) vai mobilizar arredor de 33 millóns de euros, cun un 37,4% de incremento con respecto ao exercicio actual
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que os Orzamentos do seu departamento para o vindeiro exercicio crecen ata os 479,39 millóns de euros, un 5,47% máis con respecto aos actuais, para crear máis solo industrial e consolidar as oportunidades da innovación e do sector da defensa. Lorenzana presentou no Parlamento as contas da Consellería para 2027, nas que precisou que, sen os fondos MRR (Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia), o aumento sitúase arredor do 8%. Ademais, sen contar persoal nin operacións financeiras, o gasto medra un 3,93%, ao pasar de 322,9 a 335,6 millóns.
En 2027, segundo explicou, a Consellería de Economía e Industria, vai continuar sendo prioritaria a creación de solo empresarial, co obxectivo de desenvolver case 12 millóns de metros cadrados ata o ano 2030. Para iso, o orzamento de Xestur bate un récord histórico ao incrementarse un 36% e situarse nos 45,66 millóns de euros. En paralelo, tamén se vai duplicar a dotación da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial dedicada ao financiamento desta sociedade, que pasa de 10 a 20 millóns de euros.
PROGRAMA GALICIA INDUSTRIA 360
A medida máis importante nesta área vai ser o programa Galicia Industria 360, que ofrecerá solucións integrais ás necesidades da industria, con naves preparadas para reducir os prazos de implantación de novas empresas. Xunto con isto, vanse reforzar, tamén, as axudas aos concellos para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais, que soben un 61,44%, ata os 4,78 millóns de euros; e para planeamento.
Por outra banda, mantense a aposta pola diversificación industrial, e as principais actuacións recollidas na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) para o 2027 van contar con 19,45 millóns de euros, un 50% máis, entre desenvolvemento tecnolóxico, convenios e apoios ás empresas, que case se cuadriplican: pasan de 1,93 millóns en 2026 a 7,25 millóns. Ademais, 12,13 millóns corresponden ás actuacións estratéxicas de desenvolvemento tecnolóxico.
No que respecta ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), contará cun orzamento de 291,92 millóns de euros. Sen contar persoal, a súa contía medra un 3,9%. Unha boa parte dese crecemento destínase ao financiamento empresarial, que sobe un 11%: máis de 140 millóns de euros en instrumentos financeiros. Neste eido, convocarase unha nova liña IFIS do Fondo de Transición Xusta, con 26,4 millóns de euros, para dar soporte e impulso á provincia da Coruña.
MÁIS AXUDAS PARA INVESTIMENTO E COMPETITIVIDADE
Xunto ao financiamento, reforzaranse as axudas ao investimento e á competitividade, con 62 millóns de euros. Destaca a liña de Atracción de empresas, que contará con 22,3 millóns en 2027. E a Oficina Económica de Galicia disporá de 1,03 millóns de euros específicos para asistencia especializada, e para a actividade da oficina en Madrid, inaugurada este ano.
INDUSTRIALIZAR A INNOVACIÓN
En relación á área de innovación do Igape, o orzamento roldará os 46 millóns de euros e combinará programas xa iniciados e novas actuacións da Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, que ten como principal obxectivo industrializar a innovación para fomentar a fabricación de produtos e servizos tecnolóxicos en Galicia e a súa comercialización. Xunto con isto, a área de internacionalización contará con 18,57 millóns de euros.
Neste punto destaca o apoio da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, que contará con 1 millón de euros en total para aceleración de proxectos e plans directores da política industrial, ademais dun reforzo do persoal.
O INEGA CONTARÁ CON PRETO DE 52 MILLÓNS
A política enerxética tamén ten un papel destacado nos orzamentos do vindeiro ano para facilitar a eficiencia, o aproveitamento das renovables e o abaratamento dos procesos produtivos. O Inega contará con 51,73 millóns de euros, dos que destinará 40,54 millóns a apoiar os investimentos de empresas, entidades e familias. Así, mantéñense os apoios ao autoconsumo e ao almacenamento, ás renovables térmicas e á eficiencia enerxética empresarial. E, tamén, o Plan Renova o teu Vehículo, con 2,5 millóns de euros, entre outros.
No ámbito mineiro, as axudas á sustentabilidade dos recursos naturais alcanzan preto de tres millóns de euros, un 19,5% máis, para apoiar os investimentos das empresas. A restauración de antigos espazos mineiros contará cun millón de euros de fondos propios, un 18,8% máis, e con outros 157.600 euros para estudos e traballos técnicos de restauración ambiental e seguridade. Neste eido, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais refórzase con dez persoas máis para o control e a tramitación dos novos concursos mineiros.
UN 37% MÁIS DE ORZAMENTO PARA XERA
E, por último, no que respecta á Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), captará unha dotación de arredor de 33 millóns de euros. Sen contar persoal, os seus recursos medran un 37,4%. Este reforzo destínase principalmente á rehabilitación de Lourizán (6 M€), ás axudas á construción en madeira e ás actuacións de mellora e transformación de produtos forestais. Como novidade, crearase unha nova oficina de apoio á construción con madeira, en colaboración co CIS Madeira e coa Fundación Arume, con 120.000 euros en 2027.
“Atraer un investimento non empeza o día no que unha empresa anuncia a súa chegada. Empeza moito antes: cando hai solo dispoñible, cando o financiamento está a punto, cando a Administración responde a tempo. Iso é o que fan estes orzamentos: preparar Galicia para que, cando chegue a oportunidade, estea en condicións de aproveitala”, concluíu Lorenzana na comparecencia no Parlamento de Galicia.

























