Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta busca na cidade de Tianjin un novo foco de colaboración económica e empresarial entre Galicia e China en sectores estratéxicos

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro cos responsables económicos do distrito de Hexi para abordar as posibilidades de cooperación en loxística, aeroespacial, novas tecnoloxías e biotecnoloxía e saúde
  • Toca Carús destacou as sinerxías e os intereses comúns existentes entre ambos os territorios á hora de impulsar novas relacións comerciais, compartir coñecemento e explorar investimentos
  • Na visita a Tianjin, cidade que alberga o maior porto do norte de China, puxo en valor a fortaleza e diversidade do tecido empresarial galego, a experiencia nos mercados internacionais e a capacidade para lanzar proxectos innovadores en sectores de alto valor engadido
  • A previsión é organizar futuras visitas de empresas galegas a Tianjin e, en sentido inverso, dunha delegación de Hexi e Tianjin a Galicia

A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro cos responsables económicos do distrito de Hexi, un dos principais distritos empresariais da cidade chinesa de Tianjin, co obxectivo de explorar novas oportunidades de colaboración económica e empresarial entre Galicia e China e favorecer o desenvolvemento de novos contactos e proxectos conxuntos. Durante a reunión, celebrada no marco dunha visita institucional e comercial ao país asiático, abordáronse as posibilidades de cooperación en catro sectores nos que Hexi conta cunha destacada actividade empresarial: a loxística, o aeroespacial, a biotecnoloxía e saúde e as novas tecnoloxías. Trátase de ámbitos nos que Galicia tamén dispón de capacidades empresariais, industriais e tecnolóxicas que poden facilitar novas vías de colaboración.

Neste contexto, Toca Carús puxo en valor a fortaleza e a diversidade do tecido empresarial galego, a súa experiencia nos mercados internacionais e a capacidade para desenvolver proxectos innovadores en sectores de alto valor engadido. Así mesmo, destacou as sinerxías e os intereses comúns existentes entre ambos os territorios, que ofrecen oportunidades para impulsar novas relacións comerciais, compartir coñecemento e explorar posibles investimentos.

Tras o encontro, quedou aberta a posibilidade de organizar futuras visitas de empresas galegas a Tianjin, así como dunha delegación de Hexi e Tianjin a Galicia, co fin de coñecer de primeira man as capacidades empresariais de ambos os territorios e identificar oportunidades concretas de cooperación.

A directora do Igape destacou a importancia destes contactos para seguir reforzando a proxección internacional de Galicia e abrir novas oportunidades de negocio para as empresas galegas. Neste sentido, lembrou o papel da Antena do Igape en China como instrumento para facilitar contactos, identificar oportunidades e acompañar o tecido empresarial na súa actividade neste mercado.

PORTA DE ENTRADA MARÍTIMA A PEKÍN

Tianjin alberga o maior porto marítimo do norte de China e opera como un puxante centro industrial e comercial da rexión. É ademais a principal porta de entrada marítima de Pekín e un dos grandes nodos loxísticos que conectan o norte, noreste e noroeste do país. O seu novo desenvolvemento industrial ten como punto de referencia a Binhai New Area, que destaca por conectar alta tecnoloxía, industrias pesadas, manufactura avanzada e comercio internacional.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia