Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta incentiva a incorporación das pemes aos sectores da seguridade, defensa e aeroespazo cunha liña de axudas por importe de 6 millóns de euros

  • Os apoios específicos para pequenas e medianas empresas forman parte da Estratexia sectorial que prevé mobilizar 900 millóns de investimento público-privado ata 2030
  • Alfonso Rueda destaca que o obxectivo final é “que Galicia aproveite todo o seu potencial para que as empresas se adapten a fabricar produtos que cada vez van ser máis estratéxicos e demandados”
  • Os programas de axuda convocados ata agora suman 47,8 millóns de euros e constatan que hai “un interese real” no sector empresarial galego por entrar na cadea de valor da industria da seguridade, defensa e aeroespazo
  • A liña Industria Dual pechou a súa convocatoria coa selección de sete proxectos, cun investimento superior aos 19 millóns, e centrados na modernización do equipamento produtivo e na compra de maquinaria e bens de equipo

O Consello da Xunta analizou o estado de desenvolvemento da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo (IESDA), que prevé mobilizar ao pé de 900 millóns de euros de investimento público-privado ata 2030, e que entra agora nunha nova fase enfocada nas pemes. Neste marco, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou “unha nova liña de axudas para incentivar a fabricación dual, dirixida especificamente a pemes” e cun orzamento de 6 millóns de euros ata o ano 2029.

Na súa comparecencia ante os medios, explicou que esta medida forma parte dos resultados que deixan os distintos programas de axuda convocados ata o momento dentro desta estratexia, que suman 47,8 millóns de euros e constatan que hai “un interese real” por parte das empresas galegas por entraren na cadea de valor desta industria como subministradoras de tecnoloxía ou equipamento, ou como parte de grandes proxectos de I+D+i neste ámbito.

Rueda precisou que un dos programas que mellor evidencia esta realidade é o de Industria Dual, do que deriva a nova liña de axudas que se vai lanzar especificamente para as pemes. Co obxecto de incentivar a produción de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual (é dicir, compatibles para o ámbito civil ou da seguridade e a defensa), a Administración galega perfila un programa de apoios específico con requisitos máis áxiles e adaptados á súa dimensión, para que tamén as empresas de menor tamaño poidan acceder a investimentos de ámbito dual.

A primeira convocatoria do programa tivo como destinatarias as grandes, medianas e pequenas empresas con centro de traballo en Galicia, dando prioridade aos proxectos procedentes de sectores con alto potencial de diversificación, coma a automoción, o metalmecánico, o naval, o loxístico, o téxtil, as TIC, o aeroespacial ou a construción.

Como resultado, a Xunta identificou un total de sete proxectos subvencionables que mobilizan un investimento de máis de 19 millóns de euros que se concentran, fundamentalmente, na modernización do equipamento produtivo e na compra de maquinaria e bens de equipo. Pero un dos datos máis relevantes que se extraen é o peso das pemes nesta convocatoria, posto que dos sete proxectos as pequenas e medianas empresas achegan o 46 % do investimento total e concentran o 63,6 % da axuda solicitada. É por este mesmo motivo que se deseña esta nova convocatoria dirixida especificamente ás pemes. O obxectivo, tal e como indicou Rueda, é “que Galicia aproveite todo o seu potencial para que as empresas se adapten a fabricar produtos que cada vez van ser máis estratéxicos e demandados”.

CONSORCIOS EMPRESARIAIS

O segundo dos programas, que tamén contou con boa acollida no marco da IESDA, foi o de maior peso orzamentario: os acordos de asociación, dotados con 40 millóns de euros ata 2030. O obxectivo é conformar consorcios empresariais que desenvolvan solucións innovadoras non dispoñibles no mercado a través da compra pública precomercial.

O interese do tecido empresarial confirmouse xa na primeira fase do procedemento. Ata o 30 de setembro, en que pechou a convocatoria, 32 empresas e agrupacións presentaron a súa solicitude de participación, o cal reflicte a confianza do sector na estratexia da Xunta e a súa vontade de desenvolver e, principalmente, fabricar tecnoloxías duais en Galicia.

Este programa entrou agora nunha segunda fase na que se está a tramitar a primeira selección de proxectos cualificados, para abrir despois con eles un proceso de diálogo. Entre os criterios de avaliación están a estratexia industrial, o programa de I+D+i, os medios comprometidos e o impacto económico e social no territorio. E como novidade, a fabricación en Galicia incorpórase como criterio relevante. Estímase que se poderán declarar os proxectos finalistas no verán de 2027 e que se procederá á súa adxudicación ao logo do terceiro trimestre dese ano.

As principais actuacións da IESDA contarán no ano 2027 con 19,45 millóns de euros (un 50 % máis que no ano 2026) entre desenvolvemento tecnolóxico, convenios e axudas ás empresas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia