Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana adianta que a adxudicación dos grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aeroespazo farase priorizando a fabricación en Galicia

 

  • Na xornada de presentación do programa de Compra Pública Precomercial, dotado con 40 millóns de euros, eloxiou “que cada investimento deixe detrás capacidade produtiva permanente”
  • A conselleira defende que cada euro público mobilizado “teña un retorno produtivo real para Galicia” e “que consolide empresas, abra oportunidades ás pemes, cree emprego cualificado e reteña talento”
  • No acto de presentación lembrou que esta licitación “non naceu nun despacho, senón logo dun diálogo estratéxico previo con 78 empresas do sector”

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou que a adxudicación dos acordos de asociación, cuxa convocatoria permanece aberta ata o vindeiro 30 de setembro, realizarase priorizando a fabricación en Galicia. Así o adiantou durante a súa intervención en Santiago na xornada de presentación deste programa de Compra Pública Precomercial, dotado con 40 millóns de euros, co que a Xunta quere seleccionar novos socios estratéxicos e tecnolóxicos cos que desenvolver tecnoloxías duais -de uso civil e para o sector da seguridade e a defensa-, dentro da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda).

Lorenzana explicou que un elemento que distingue esta edición das anteriores é que incorpora como prioridade a fabricación en Galicia. Isto significa, dixo, “que o coñecemento quede no territorio; que as empresas galegas entren nas cadeas de subministración; que os nosos centros tecnolóxicos e de coñecemento traballen man a man con esas empresas; que o talento galego atope aquí a súa oportunidade; e que cada investimento deixe detrás capacidade produtiva permanente, non só un titular”, argumentou.

“Queremos que cada euro público mobilizado teña un retorno produtivo real para Galicia -abondou-; que consolide empresas, abra oportunidades ás pemes, cree emprego cualificado e reteña talento. Porque non nos conformamos con atraer tecnoloxía; queremos atraer industria”, aseverou a titular de Economía e Industria.

Segundo apuntou, Galicia conta cun tecido empresarial extraordinariamente diverso: naval, automoción, metal, TIC, loxística, electrónica, fabricación avanzada. Sectores con capacidades xa probadas, dixo, que agora poden entrar nas novas cadeas de valor da seguridade, a defensa e o aeroespazo.

É unha licitación, ademais, que “non naceu nun despacho”, senón logo dun diálogo estratéxico previo con 78 empresas do sector, matizou. “Escoitámolas antes de deseñar o instrumento, identificamos con elas os retos tecnolóxicos reais desta industria e construímos unha convocatoria pensada desde esas necesidades, non ao revés”, subliñou Lorenzana.

 

PRIMEIRA ACTUACIÓN DO PROGRAMA ECOSISTEMA

Esta actuación é a primeira gran peza do Programa Ecosistema da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, dotado con 183 millóns de euros, que aspira a mobilizar 900 millóns entre investimento público e privado; a crear máis de 500 empregos directos de alta cualificación; e a consolidar novas cadeas de valor en torno a estes tres sectores. Súmase ás axudas xa en marcha para investimentos en industria dual, á convocatoria para certificar as empresas galegas como provedoras do sector da defensa, e ao programa para formar aos profesionais que este sector vai necesitar.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia