Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A declaración de excepcionalidade converte ós parques eólicos Baro e Greco nos primeiros que xerarán beneficios económicos e sociais no territorio de emprazamento

  • A súa construción permitirá subministrar enerxía verde e competitiva á planta de produción de silicio metálico de Ferroatlántica en Sabón (A Coruña)
  • Ademais a instalación inclúe un plan de acción, froito da Lei de recursos naturais, que beneficiará a preto de 46.000 habitantes de 17 concellos, con descontos na factura de luz e gas que poden chegar aos 300 euros anuais
  • Alfonso Rueda lembra que a sentenza ditada polo Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) avala a tramitación dos parques en Galicia e destaca que está “en plena sintonía” coa política enerxética da Xunta de Galicia
  • A Comunidade conta actualmente con 193 parques eólicos cun total de 4.020,9 MW de potencia instalada, e hai ademais 92 parques autorizados e paralizados xudicialmente, que suman máis de 2.497 MW

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello da Xunta aprobou declarar os parques Baro e Greco proxectos cunha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, o que permitirá a súa execución fóra das áreas de desenvolvemento enerxético (ADE). A súa construción fará posible subministrar enerxía verde e competitiva á fábrica de silicio metal en Sabón (A Coruña) e serán os primeiros parques que xerarán beneficios socioeconómicos de forma directa en Galicia, tal e como determina a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, máis coñecida como Lei de recursos naturais.

Desde a súa entrada en vigor, o 1 de xaneiro de 2025, a Lei de recursos naturais marca a política enerxética e industrial da Comunidade e garante que calquera proxecto, ademais de ser ambientalmente viable, debe asegurar a xeración de riqueza social e económica na zona onde se implante.

Así mesmo, a sentenza ditada o pasado venres, 1 de agosto, pola sala décima do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), avala a tramitación dos parques en Galicia, lembra a importancia de dar axilidade aos procedementos de concesión de autorizacións que afectan o despregamento das enerxías renovables e infraestruturas conexas e está en plena sintonía coa política enerxética da Xunta de Galicia, “de xeito xusto, ordenado e gradual”, tal e como o destacou Alfonso Rueda.

Pero, con independencia desta resolución, “a Xunta nunca se quedou parada”, senón que adoptou medidas tanto para garantir a seguridade xurídica do desenvolvemento eólico como para acadar que estes proxectos teñan repercusión social e económica na Comunidade, nos concellos e, especialmente, na cidadanía galega. Actualmente, hai 193 parques eólicos a funcionar, que suman 4.020,9 MW, e 92 autorizados e paralizados xudicialmente, que suman máis de 2.497 MW de potencia.

PRIMEIRA DECLARACIÓN DE EXCEPCIONALIDADE

Así, os parques de Baro e Greco, de tramitación estatal, son os primeiros exemplos desta política enerxética en beneficio da cidadanía e da industria, sostén a Xunta. Sen esta declaración de excepcionalidade non se poderían tramitar e inclúen medidas de impacto social e económico na contorna onde se implantarán; esta é a primeira declaración de excepcionalidade que se realiza dende a entrada en vigor da Lei de recursos naturais.

Según destacou o presidente da Xunta, “estes parques poderán instalarse e isto supón unha serie de obrigas”. Impulsados por Villar Mir Energía (VME), o promotor deberá cumprir unha serie de requisitos para instalarse en Galicia, entre eles, que a subministración de enerxía incluída no contrato ou contratos de compravenda de enerxía (PPA) supoña, polo menos, o 80% da enerxía producida. Estímase que os aforros na factura eléctrica ao longo da vida dos contratos PPA (10 anos) superaría os 13 millóns de euros, o que facilitaría a competitividade da planta.

Así mesmo, os parques veñen acompañados por primeira vez, e tal e como determina a Lei de recursos naturais, dun plan de medidas socioeconómicas, neste caso, dirixido aos preto de 46.000 habitantes dos 17 concellos onde está prevista a implantación das infraestruturas.

No parque de Baro, as medidas beneficiarán a sete municipios da provincia de Lugo: Castro de Rei, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, A Pastoriza, Pol e Riotorto. Mentres que no proxecto Greco serán un total de dez concellos: seis en Pontevedra (A Cañiza, Cerdedo Cotobade, O Covelo, Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas) e catro na provincia de Ourense: Avión, Beariz, Carballeda de Avia e Melón.

DESCONTOS ANUAIS DE ATA 300 EUROS

O plan de medidas socioeconómicas ten un importe estimado de 15,2 millóns de euros e inclúe, entre outras vantaxes, “un aforro de costes importante”, con descontos anuais na factura de luz e gas para os veciños e tamén para as pequenas e medianas empresas asentadas nestes territorios. Os descontos poden chegar ata os 300 euros.

Ademais, o plan abre a posibilidade de participación no proxecto, cun 5% de interese anual, así como un desconto en instalacións de autoconsumo solar do 20% nun prazo de 5 anos, ou créditos a tipo de interese cero para iniciativas empresariais de ata 50.000 euros, entre outras medidas.

Así mesmo, na construción dos parques, o promotor deberá priorizar a contratación de man de obra local e fomentar a inserción laboral de mulleres e persoas mozas. A concesión de créditos a tipos de xuro cero para iniciativas empresariais é outra das accións previstas.

Deste modo, as novas excepcionalidades autorízanse con base nas medidas derivadas de compromisos do promotor co territorio e forman parte da política enerxética da Xunta, que incorpora, ademais, outras como a repotenciación, que nos próximos anos permitirá reducir nun 80% o número de aeroxeradores en Galicia e pasar de 3.000 a uns 600 muíños.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia