Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O proxecto de Biofibras de Galicia, do grupo Ence, completa a tramitación ambiental para instalar nas Pontes unha fábrica de pasta de papel reciclada

  • A resolución, xa publicada no DOG, é un paso máis na tramitación do expediente, que agora pasa á Consellería de Economía e Industria para decidir sobre a súa autorización definitiva
  • A Xunta matiza que a culminación dos trámites ambientais e as correspondentes resolucións favorables non eximen ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles
  • Biofibras de Galicia proxecta situar as súas instalacións no antigo parque de carbóns da central térmica das Pontes, cunha liña de reciclaxe de papel e cartón e outra de fabricación de pasta de celulosa, e co obxectivo de producir 100.000 toneladas/ano

A Xunta de Galicia resolveu outorgar a autorización ambiental integrada (AAI) ao proxecto que a empresa Biofibras de Galicia -firma dependente do grupo Ence- quere desenvolver no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez, poñendo fin así á tramitación ambiental desta iniciativa empresarial. A resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade acaba de ser publicada no Diario Oficial de Galicia co que, superado este fito, o expediente volverá á Consellería de Economía e Industria, como órgano substantivo, encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia. Ademais encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia declaración de impacto ambiental (DIA) e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.

Con este novo paso -froito da análise de media ducia de informes de distintos departamentos implicados e da propia DIA- avánzase na tramitación da iniciativa empresarial para implantar unha fábrica de pasta de papel reciclada, e as súas infraestruturas auxiliares, coa que producir pasta branqueada a partir de papel e cartón recuperado ou de residuos de papel e cartón.

As instalacións estarán localizadas no que era o parque de carbóns da central térmica das Pontes de García Rodríguez e nela realizaranse dous procesos -a reciclaxe de papel e cartón e a fabricación da pasta de celulosa- coa finalidade de obter unha produción de arredor de 100.000 toneladas ao ano.

Este trámite complétase despois de que en maio a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitise a DIA favorable, condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna.

TRAMITACIÓN RIGOROSA, CON 18 INFORMES SECTORIAIS

Esa declaración de impacto ambiental foi o resultado de 18 informes sectoriais favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento neste concello coruñés. Trátase dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer, no que se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable, unha cuestión na que incide tamén a autorización ambiental integrada.

A culminación dos trámites ambientais e as correspondentes resolucións favorables non eximen ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e funcionamento do proxecto.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia