Consellería de Economía e Industria
As empresas poden participar ata o 22 de setembro no diálogo aberto para desenvolver a nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo

- Durante unha visita ás instalacións de Delta Vigo Aeroestructuras, en Nigrán, a conselleira de Economía e Industria sinalou o obxectivo de coñecer de primeira man “as necesidades reais das empresas a curto, medio e longo prazo para definir a colaboración público-privada”
- O proceso de diálogo estratéxico iniciado o pasado 22 de xullo derivará a finais de 2025 na primeira convocatoria que definirá as empresas e centros tecnolóxicos que traballarán en programas conxuntos de investimento nos vindeiros cinco anos
- María Jesús Lorenzana avanzou que se van destinar 183 millóns de euros ata 2030, coa previsión de mobilizar 900 millóns, e co obxectivo de atraer cara a estes segmentos de actividade empresas doutros ámbitos estratéxicos e materializar novos investimentos industriais
As empresas e centros xa poden participar na fase de diálogo público coa industria que estará aberta ata o 22 de setembro para desenvolver a nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo de Galicia. Así o lembrou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante a visita ás instalacións dunha das empresas aeronáuticas pioneiras en Galicia, Delta Vigo.
Este proceso de diálogo estratéxico que se abriu o pasado 22 de xullo busca “coñecer os proxectos que ten o tecido empresarial galego nestes ámbitos e ir conformando pouco a pouco os consorcios que cara a finais de ano comezarán a saír”, precisou a titular de Economía e Industria. A intención do Goberno galego é publicar a finais de 2025 a primeira convocatoria que definirá que empresas e centros tecnolóxicos van traballar en programas conxuntos de investimento nos vindeiros cinco anos.
Lorenzana visitou as instalacións de Delta Vigo Aeroestructuras en Nigrán, unha empresa familiar que na actualidade está presente en sete países en sectores como a defensa, a aeronáutica ou a automoción. “Delta Vigo é unha empresa coa que temos que contar nesta estratexia, xa está instalada en Galicia pero pode atraer máis investimento e máis emprego de calidade na Comunidade e ser o xerme para xerar nova industria” apuntou a conselleira.
Neste sentido, explicou que o obxectivo é coñecer de primeira man as necesidades reais a curto, medio e longo prazo das empresas para definir a colaboración público-privada e axeitar os instrumentos de apoio e investimento que a Xunta está a planificar para impulsar en Galicia unha industria de seguridade e defensa que englobe tamén ao sector do aeroespazo.
A finalidade é mobilizar todo o potencial industrial e tecnolóxico de Galicia no campo da defensa e as tecnoloxías de aplicación dual e xerar unha demanda importante de produtos, sistemas e servizos, seguindo as prioridades marcadas por Europa.
Para iso, precisou que se van destinar 183 millóns de euros ata 2030 coa previsión de mobilizar 900 millóns de euros e co obxectivo de atraer cara a estes segmentos de actividade empresas doutros ámbitos estratéxicos como o naval, a automoción, o metal ou as TIC e materializar novos investimentos industriais.
FONDO DE INVESTIMENTO EN TECNOLOXÍAS DUAIS
No marco desta Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, a Xunta vai activar un Fondo de Investimento en Tecnoloxías Duais dotado con 40 millóns de euros de aplicación tanto no ámbito civil como militar. Galicia pode e debe estar preparada para situarse á vangarda no desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas duais xerando á súa vez crecemento económico e emprego de calidade.

























