Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O programa Moves III para a compra de vehículos eléctricos ou instalación de puntos de recarga recibiu máis de 3.500 solicitudes desde o 30 de xuño

  • A primeira liña, con axudas de entre 700 e 9.000 euros, incentiva a adquisición de eléctricos puros, híbridos enchufables, eléctricos de autonomía estendida ou de pila de combustible
  • A segunda liña está orientada á implantación de infraestruturas de recarga, con apoios de entre o 20% e o 80% do custo subvencionable según o tipo de solicitante, potencia dos puntos de recarga ou localización en concellos de menos de 5.000 habitantes
  • Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación enerxética e Minas, lembrou que desde o inicio do Moves III, en 2021, concedéronse máis de 11.500 axudas, cun importe superior aos 49 millóns de euros
  • Na actual edición están adheridas 916 entidades colaboradoras, das que 295 son puntos de venda de vehículos e 621 instaladores de baixa tensión

O director xeral de Planificación enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou a boa acollida que está a ter a nova edición do programa Moves III - 2025, cuxo prazo de presentación de solicitudes se abría o pasado 30 de xuño e do que xa se recibiron máis de 3.500 peticións tanto para a compra de vehículos eléctricos como para a instalación de infraestruturas de recarga.

Durante a súa visita aos oito puntos de carga dos que consta a instalación do Parque de maquinaria da Deputación de Pontevedra, no concello pontevedrés de Meis, Pablo Fernández Vila detallou que en algo máis dun mes se recibiron máis de 3.000 solicitudes para a adquisición dun vehículo eléctrico e preto de 500 para a compra dunha infraestrutura de recarga. E, ao fío, lembrou que a actual convocatoria conta cun orzamento de 19,6 millóns de euros e que aínda quedan fondos dispoñibles.

O programa Moves III está dirixido tanto a particulares como ás comunidades de propietarios, autónomos, empresas e entidades locais, e conta con dúas liñas. A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos puros, híbridos enchufables, eléctricos de autonomía estendida ou de pila de combustible. As axudas oscilan entre os 700 e os 9.000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións.

A segunda liña do Moves III - 2025 diríxese á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 20% e o 80% do custo subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia dos puntos de recarga, ou localización en concellos de menos de 5.000 habitantes.

AXUDAS POR 49 MILLÓNS DE EUROS

Desde que se abriu a convocatoria do Moves III en 2021, concedéronse máis de 11.500 axudas por importe superior aos 49 millóns de euros. Nesta edición están adheridas 916 entidades colaboradoras, das que 295 correspóndense con puntos de venda e 621 instaladores de baixa tensión.

O programa busca incentivar a demanda e fomentar unha mobilidade eléctrica e sustentable, contribuíndo á descarbonización do transporte ao tempo que se reducen os custos enerxéticos para os propietarios dos vehículos e se fomenta unha rede pública e privada de puntos de recarga.

Con estes apoios, a Xunta de Galicia agarda mobilizar preto de 100 millóns de euros, favorecer un aforro económico anual de 2,8 millóns nos custos de combustible, así como unha redución de CO2 equivalente a plantar 186.000 árbores. O prazo para solicitar as axudas remata o 31 de decembro ou ata o esgotamento do crédito.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia