Consellería de Economía e Industria
As empresas galegas poden solicitar ata o 30 de setembro as axudas Galicia Exporta enfocadas ao impulso da internacionalización

- A Xunta destina a esta liña de apoios 8,3 millóns de euros en 2025 e ata o momento leva recibidas máis de 200 solicitudes
- Nunha visita ás instalacións do Grupo Internaco, en Ordes (A Coruña), a conselleira de Economía e Industria subliñou que o obxectivo do Goberno galego é “seguir impulsando a internacionalización da economía, mellorar a competitividade das empresas e xerar riqueza”
As empresas poden solicitar ata o 30 de setembro as axudas Galicia Exporta destinadas a impulsar a internacionalización do tecido produtivo da Comunidade galega. Así o lembrou en Ordes (A Coruña) a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante a visita á instalacións do Grupo Internaco, especialista no coidado de espazos naturais, ferraxaría e bricolaxe, e que foi beneficiaria destes apoios postos en marcha polo Goberno galego para axudar a pemes e autónomos galegos.
Neste marco, explicou que no 2025 a Xunta destina a esta liña de axudas uns 8,3 millóns de euros e que ata o momento xa hai contabilizadas máis de 200 solicitudes de empresas, polo tanto “animamos ao noso tecido produtivo a presentarse”, dixo.
En concreto, os apoios buscan incentivar a realización de accións de promoción exterior que xeren vantaxes competitivas para as empresas galegas. As axudas, que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, están dirixidas a pemes e autónomos que conten cun centro de traballo en Galicia e que estean integrados en programas avanzados de apoio á internacionalización do Igape.
As actuacións subvencionables inclúen a participación como expositores en feiras e eventos internacionais -presenciais ou virtuais-, campañas de márketing e comunicación en mercados exteriores, accións de prospección e análise de novos mercados, iniciativas de operatividade para facilitar a entrada nos mercados internacionais e, como principal novidade este ano, accións de dixitalización para a internacionalización.
A conselleira subliñou que o obxectivo da Xunta é seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto para incrementar a presenza das empresas locais no mercado exterior como para incentivar a captación de investimentos cara a Galicia. “Queremos mellorar a competitividade do noso tecido empresarial e xerar riqueza”, destacou.


























