Consellería de Economía e Industria
A Xunta inxecta 2 millóns de euros en apoios a 19 proxectos impulsados por agrupacións empresariais innovadoras

- Resultaron beneficiarias entidades representativas de sectores estratéxicos e emerxentes como a automoción, acuicultura, madeira, biotecnoloxía, audiovisual, economía circular, deporte, comunicación, sector TIC, naval, metal, téxtil e biomasa
- As axudas, que foron concedidas en réxime de concorrencia competitiva, poden alcanzar ata o 70% do custo subvencionable, cun límite máximo por proxecto de 400.000 euros
- A través deste programa do Igape, a Xunta xa apoiou preto de 70 iniciativas de clústeres desde o lanzamento da liña, cunha achega pública que supera os 12 millóns de euros e un investimento mobilizado superior aos 20 millóns
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria das axudas ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras. Uns apoios que suman case 2 millóns de euros e que permitirán apoiar un total de 19 proxectos en ámbitos clave da economía galega.
Neste sentido, o programa ten como finalidade impulsar a competitividade, a innovación e a cooperación empresarial mediante o apoio a clústeres que agrupan empresas e centros tecnolóxicos, de investigación ou formación. O obxectivo é poñer en valor o seu papel como motores da modernización do tecido produtivo e como canles de transferencia de coñecemento e tecnoloxía.
As axudas, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, poden alcanzar ata o 70% do custo subvencionable, cun importe máximo por proxecto de 400.000 euros. Ademais, permítense pagamentos a conta de ata o 80% da subvención concedida, sen esixencia de garantías.
A convocatoria contempla actuacións como a realización de estudos e diagnósticos sobre cadeas de valor, plataformas de vixilancia tecnolóxica, prospección de mercados, mapas sectoriais ou accións de divulgación e concienciación sobre temas como a dixitalización, a sustentabilidade ou a internacionalización. Tamén se inclúen iniciativas para fomentar a colaboración entre empresas e sectores, favorecendo a hibridación de coñecementos e capacidades.
Na convocatoria resolta resultaron beneficiarias entidades representativas de sectores estratéxicos e emerxentes como a automoción (CEAGA), a acuicultura, a madeira, a biotecnoloxía (Bioga), o audiovisual, a economía circular (Viratec), o deporte, a comunicación ou o sector TIC. Tamén figuran clústeres industriais como o do naval (Aclunaga), o metal (ASIME), o téxtil ou o da biomasa.
APOIO A 70 INICIATIVAS DE CLÚSTERES
Coa resolución desta última convocatoria, a Xunta acumula xa o apoio a preto de 70 iniciativas de clústeres desde o lanzamento desta liña, cunha achega pública que supera os 12 millóns de euros e un investimento mobilizado de máis de 20 millóns.
Deste xeito, a Xunta reafirma o seu compromiso cunha política industrial avanzada, que sitúa os clústeres como axentes tractores do cambio e aliados estratéxicos na modernización do tecido empresarial galego.


























