Consellería de Economía e Industria
O novo Plan Sectorial Eólico de Galicia bota a andar coa proposta de adxudicación do contrato de apoio técnico e xurídico para a súa elaboración

- Despois de máis de 20 anos de vixencia do plan actual, Galicia poderá contar no prazo de tres anos cunha planificación sectorial adaptada ás tecnoloxías, ao potencial actual e ás modificacións lexislativas europeas
- A Xunta eloxia “o procedemento transparente e aberto” para lexislar o sector eólico nos vindeiros anos, así como unha maior garantía ambiental para a cidadanía e para os promotores
- Está prevista a constitución dunha mesa de traballo coas entidades máis representativas da eólica galega e dun grupo de traballo dependente da Mesa da Industria
A Consellería de Economía e Industria vén de facer pública a proposta de adxudicación á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Arenal, Territoria e Atalaya Eólico Galicia, por un importe de 544.500 euros, do contrato para o apoio na elaboración do novo Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG), que permitirá ao Goberno galego seguir avanzando no despregamento desta fonte de enerxía renovable ao tempo que se abarata o prezo eléctrico para as empresas e consumidores galegos, en liña co establecido na Lei de recursos naturais de Galicia.
A elaboración do novo plan obedece á necesidade de adaptar a realidade galega ás últimas modificacións lexislativas europeas e dotar, deste xeito, de seguridade xurídica adicional ao desenvolvemento enerxético na Comunidade. Así mesmo, o futuro Plan Sectorial Eólico de Galicia revisará e actualizará as actuais áreas de desenvolvemento enerxético coas áreas de desenvolvemento industrial, atendendo tamén ás zonas de protección ambiental e ó desenvolvemento urbanístico.
A resolución da adxudicación á UTE Arenal – Territoria – Atalaya Eólico Galicia será firme no prazo de 15 días de non presentarse recurso especial de contratación. Deste xeito, Galicia poderá contar cun novo plan sectorial no prazo de tres anos. Un procedemento transparente, aberto á cidadanía e que require de avaliación ambiental estratéxica e consulta e audiencia a todos os posibles actores interesados no procedemento, o que suporá unha maior garantía ambiental para a cidadanía e para os promotores.
DÚAS MESAS DE TRABALLO
No marco de actualización do PSEG tamén está prevista a posta en marcha de dúas mesas de traballo: unha coas entidades máis representativas do sector eólico na Comunidade e, no marco do diálogo social, crearase un grupo de traballo específico sobre eólica que dependerá da Mesa da Industria. En ambos foros traballarase ao redor de varios eixos, entre eles as posibilidades de creación dunha industria de compoñentes; a análise das zonas con potencial eólico; as repercusións da repotenciación nos propietarios dos terreos afectados; a redución dos costes enerxéticos para os consumidores; e a reconversión do sector (mantemento e creación de postos de traballo).
O vixente Plan Sectorial Eólico de Galicia foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 5 de decembro de 2002 (modificado por Acordo do Consello da Xunta de 2 de xuño de 2005). Neste período a evolución da tecnoloxía eólica foi moi significativa, o que modifica substancialmente o potencial aproveitable en Galicia con respecto ao que se consideraba no momento da súa aprobación.


























