Consellería de Economía e Industria
A rede de aceleradoras da Xunta apoiou 830 proxectos innovadores e leva xerado máis de 1.400 empregos cualificados, enxalzou Lorenzana na presentación de BF Sport

- A nova aceleradora galega para o sector do deporte e o benestar ten como meta innovar a través do fomento da colaboración entre startups, federacións, clubes deportivos, empresas e investidores
- A conselleira de Economía e Industria destacou que nas tres convocatorias que vai ter BF Sport, o Igape destinará máis de 450.000 euros en axudas directas a proxectos en fase de aceleración e financiará o 80% dos custos operativos do programa
- Ademais, Xesgalicia mobilizará ata 4,4 millóns de euros en financiamento para as fases de aceleración e consolidación
A rede de aceleradoras da Xunta de Galicia, á que se vén de sumar a nova BF Sport, deu apoio xa a máis de 830 proxectos innovadores e leva xerado máis de 1.400 empregos cualificados, tal e como detallou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana na presentación oficial da propia Business Factory Sport (BFSport). Trátase da nova aceleradora galega para o sector do deporte e o benestar, que entre o 6 de outubro e o 19 de decembro desenvolverá a súa fase de aceleración con seis startups seleccionadas dun total de 37 candidaturas que se presentaron ao inicio desta primeira convocatoria.
A conselleira explicou que a BF Sport, ao igual que acontece en toda a rede de aceleradoras da Xunta, non só busca madurar e acompañar ás startups participantes, senón facilitarlles que poidan traballar coas empresas tractoras e outras entidades colaboradoras nun entorno real, de modo que se converten nos primeiros clientes, en validadores e en aceleradores do seu proxecto de negocio.
O obxectivo de BF Sport, explicou, é fomentar a colaboración entre startups, federacións, clubes deportivos, empresas e investidores para impulsar novos proxectos de emprendemento na industria do deporte e levar ao mercado produtos e servizos innovadores cun alto compoñente tecnolóxico.
TRES CONVOCATORIAS DE BF SPORT
Nas tres convocatorias que vai ter esta aceleradora, Lorenzana salientou que a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), destinará máis de 450.000 euros en axudas directas a proxectos en fase de aceleración, ademais de financiar o 80 por cento dos custos operativos do programa. Pola súa banda, Xesgalicia mobilizará ata 4,4 millóns de euros en financiamento para as fases de aceleración e consolidación. No acto de presentación que tivo lugar en Santiago, a conselleira concluíu que “falar de deporte é falar de saúde, pero tamén de xeración de riqueza e emprego; de economía”.


























