Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta destaca o potencial de Galicia como socio estratéxico para China en Europa, xa que a ubicación atlántica facilita a conexión cos grandes portos europeos e con América Latina

  • Os conselleiros de Emprego, Comercio e Emigración e de Economía e Industria participaron en Santiago no foro empresarial `Oportunidades de cooperación e investimento entre empresas galegas e chinesas´
  • José González salientou que Galicia actúa como “Administración facilitadora para o seu tecido empresarial, comprometida coa simplificación de trámites e acompañando ás empresas nos seus retos”
  • María Jesús Lorenzana puxo en valor a previsibilidade da economía galega, o equilibrio e a estabilidade financeira “grazas a un tecido empresarial resiliente” formado por máis de 190 firmas con presencia constante no mercado chinés
  • A conselleira precisou ademais que a porcentaxe de empresas galegas que son exportadoras regulares a China creceu ata chegar xa ao 43% do total das que realizan transaccións no xigante asiático

Os conselleiros de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañados polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron no foro empresarial `Oportunidades de cooperación e investimento entre empresas galegas e chinesas´, organizado por SW Spain coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia e da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

José González subliñou a relevancia deste encontro -no que tamén estivo presente o embaixador da República Popular China en España, Yao Jing- como un espazo de colaboración público-privada para fomentar novas oportunidades no ámbito da internacionalización e da cooperación en mercados estratéxicos. Un foro, dixo, que funciona en dobre sentido: apoiando ás compañías galegas no seu proceso de implantación en China e, á vez, favorecendo a chegada de investimento do país asiático a Galicia.

O titular de Emprego, Comercio e Emigración destacou que Galicia actúa como unha Administración facilitadora para o seu tecido empresarial, comprometida coa simplificación de trámites, acompañando ás empresas nos retos que afrontan tanto no mercado laboral -como a cobertura de vacantes, a flexibilización da formación para o emprego ou a captación de talento- como no impulso da súa competitividade e no acceso a mercados internacionais, como o caso do chinés. Valorou tamén o papel das Cámaras de Comercio, ás que cualificou de pezas fundamentais no apoio e dinamización das empresas, tanto pola súa labor de asesoramento como pola súa contribución á internacionalización do tecido produtivo.

SOCIO ESTRATÉXICO PARA EUROPA

Pola súa parte, a conselleira de Economía e Industria destacou a Galicia como socio estratéxico para China en Europa pola ubicación atlántica que conecta directamente cos grandes portos europeos e con América Latina; por contar cunha economía que combina unha industria forte, tradición innovadora e un capital humano altamente cualificado e “pola nosa previsibilidade, algo moi valorado polos investidores internacionais”, asegurou.

Neste senso, María Jesús Lorenzana puxo en valor o equilibrio e estabilidade financeira que ofrece a Comunidade galega grazas a un tecido empresarial resiliente do que forman parte máis de 190 empresas que teñen unha presencia constante no mercado chinés; a institucións comprometidas como o Igape; e á posta en marcha de ferramentas como a Oficina Económica de Galicia para a simplificación de trámites e a centralización de servizos tanto para o empresariado galego como para os investidores estranxeiros ao ofrecerlles unha contorna áxil e eficaz. E, ao fío, apuntou que a porcentaxe de empresas exportadoras regulares creceu ata o 43% do total, o que da boa mostra da relación de confianza existente entre Galicia e China.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia