Consellería de Economía e Industria
O presidente da Xunta afirma que coa primeira planta integral de produción de proteínas vexetais de España, Galicia convértese en líder do sector

- Alfonso Rueda e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitaron ás instalacións que promove en Curtis a compañía In Proteins for All
- A nova planta, que creará 55 empregos directos, producirá proteínas a partir de legumes como fabas, garavanzos, lentellas ou chícharo mediante procesos de biotecnoloxía e química sostible
- O investimento cifrouse en preto de 19 millóns de euros, cunha achega da Xunta que superou os 9,5 millóns
- Rueda puxo en valor que esta infraestrutura supón un salto cualitativo para a industria agroalimentaria galega e posiciona a Curtis “como referente nacional na produción de proteínas”
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reivindicou Galicia como Comunidade líder en produción nacional de proteínas grazas á nova planta de Curtis. Durante a súa visita ás obras da primeira planta integral de produción de proteínas vexetais de España, promovida pola compañía In Proteins for All, o titular do Executivo galego agradeceu a aposta dunha empresa “con potencia, capacidade e futuro” por Galicia, e subliñou que se trata dun proxecto estratéxico “que hai que apoiar”, tanto para o concello como para toda a Comunidade. O investimento total, próximo aos 19 millóns de euros, permitirá a creación de 55 empregos directos, a maioría indefinidos.
A nova infraestrutura producirá proteínas a partir de legumes como fabas, garavanzos, lentellas ou chícharo mediante procesos de biotecnoloxía e química sostible. Ademais, os subprodutos transformaranse en ingredientes de alto valor engadido para sectores como a acuicultura ou a nutrición de mascotas, convertendo a planta nun exemplo de economía circular.
Alfonso Rueda puxo en valor que esta iniciativa supón un salto cualitativo para a industria agroalimentaria galega e posiciona a Curtis como referente nacional na produción de proteínas, un sector en auxe, en colaboración coa planta veciña de Inleit.

INICIATIVA EMPRESARIAL PRIORITARIA
O proxecto foi recoñecido pola Xunta como Iniciativa Empresarial Prioritaria en setembro de 2023, o que permitiu reducir á metade os prazos administrativos. Rueda explicou que a Administración autonómica aposta pola innovación, a calidade e a axilidade na tramitación cando se trata de investimentos que reúnen os requisitos de xeración de emprego e “valor engadido”.
Neste sentido, o titular do Executivo galego salientou a importancia de poder transformar as materias primas galegas na propia Comunidade para reter a riqueza e o potencial económico. Así, afirmou que “Galicia Calidade” tamén son este tipo de proxectos con futuro “que fan que o talento que temos aquí se reteña” e que se converten en “polos de atracción” doutras empresas.
No transcurso da visita á nova planta de In Proteins for All, destacou o traballo da Oficina Económica de Galicia, recentemente presentada en Xapón, que acompañou de preto aos promotores desde o primeiro momento, e as novas liñas de apoio á innovación postas en marcha polo Igape (incluíndo IA360, Igape Innova e Ticket Innova), dirixidas a empresas que apostan polas tecnoloxías punteiras e pola creación de startups.
A Xunta respalda este proxecto cunha achega global que supera os 9,5 millóns de euros, que se suma á implicación de investidores galegos como Hijos de Rivera e doutros socios internacionais, nun exemplo de colaboración público-privada que permitirá que a planta estea plenamente operativa a mediados de 2026.

























