Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta ampliará en 5 millóns de euros, ata os 15 millóns, as axudas do programa IA360 para o desenvolvemento tecnolóxico e da innovación a través da intelixencia artificial

  • A conselleira de Economía e Industria fixo este anuncio na visita ás empresas tecnolóxicas Binaria e Sinerxia, en Ames, onde destacou a elevada demanda que está tendo esta novidosa liña de apoios
  • O DOG publicará nos vindeiros días a ampliación do orzamento, que inicialmente estaba fixado en 10 millóns de euros
  • María Jesús Lorenzana considera fundamental “apoiar e acompañar ás empresas que aportan solucións tecnolóxicas avanzadas á industria para incrementar a súa competitividade”
  • Lembrou o compromiso do Goberno galego coa transformación dixital, con iniciativas como a creación no Igape dunha área específica de innovación dotada con máis de 80 millóns de euros

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou a ampliación en 5 millóns de euros das axudas destinadas a proxectos baseados en intelixencia artificial para “chegar ao maior número de empresas posible”. Fíxoo no Milladoiro, en Ames, no transcurso dunha visita ás instalacións das empresas Binarial e Sinerxia que xa están a aplicar solucións tecnolóxicas, onde a conselleira destacou que estes apoios contaban inicialmente cunha dotación de 10 millóns de euros e foron “un éxito para as empresas”. Así, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará nos vindeiros días a ampliación do orzamento do novidoso Programa IA360 que se convocou por primeira vez este ano e que está destinado ao desenvolvemento tecnolóxico e da innovación a través da aplicación da intelixencia artificial aos distintos procesos produtivos e á comercialización.

Durante a visita, Lorenzana subliñou que para a Xunta “é fundamental apoiar e acompañar ás empresas que agora mesmo están aportando solucións tecnolóxicas avanzadas á industria e que aumentan a competitividade empresarial e modernizan a outras empresas”, apuntou.

Nesta liña, explicou que estas axudas están pensadas para que “pouco a pouco, especialmente as pemes galegas, poidan investir en aumentar a súa competitividade incrementando esas solucións tecnolóxicas e esa aplicación das novas tecnoloxías e da intelixencia artificial a todo o proceso produtivo”.

ÁREA DE INNOVACIÓN NO IGAPE

Finalmente, María Jesús Lorenzana lembrou o importante apoio do Goberno galego á transformación dixital nesta lexislatura coa creación dunha nova área especifica de innovación dentro do Igape e dotada con máis de 80 millóns de euros para fortalecer o tecido produtivo.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia