Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda avanza que a Xunta apoia cinco novos proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido, cun investimento de 10 millóns de euros

  • Serán instalacións “con aparellos e tecnoloxía complexa”, ubicados nunha empresa principal, pero a disposición das pemes e autónomos de toda Galicia

  • Reafirman a aposta da Xunta por seguir impulsando a modernización e dixitalización da industria galega e xurden ao abeiro das liñas de axudas para Centros de Fabricación Avanzada e de Centros Dixitais

  • Os novos referentes de innovación abarcarán a produción audiovisual, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade e a produción, monitorización e análise de vídeo

  • O obxectivo é a promoción de infraestruturas de vangarda como factor determinante para mellorar a competitividade das pemes galegas, desde un modelo de crecemento intelixente, sustentable e innovador

  • Actualmente estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada, nos sectores TIC, turismo, saúde, loxística, biotecnoloxía, agroalimentación e deporte, cun investimento total de 26,6 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonómico vai apoiar o desenvolvemento de cinco novos proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido ao abeiro das liñas de axudas para Centros de Fabricación Avanzada e de Centros Dixitais. A previsión é investir 10 millóns de euros nestas instalacións que estarán a disposición do tecido produtivo, dos que a Xunta achega máis de 8 millóns. O obxectivo é seguir impulsando a modernización e dixitalización da industria galega.

Tal e como explicou Rueda, trátase de instalacións con “aparellos e tecnoloxía complexa” que estarán instaladas nunha “empresa principal” pero a disposición dos pequenos e medianos empresarios de toda a comunidade. O obxectivo é achegar estes servizos e produtos aos autónomos e pemes a prezos competitivos. Servizos que, doutro xeito, “non poderían permitirse” polo investimento que supón contar con eles na súa propia empresa de forma continuada.

Así, e a través de ambos programas, promoveranse actuacións en eidos diferentes como a produción audiovisual avanzada, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade ou a produción, monitorización e análise de vídeo.

No caso dos centros de fabricación avanzada, realizaranse tres novas iniciativas. A primeira delas céntrase na posta en marcha dun centro de produción audiovisual avanzada na Cidade das TIC da Coruña. “Un espazo que contará con dous novidosos estudos de rodaxe e servizos de última xeración”, á disposición da industria audiovisual galega, detallou Rueda.

O segundo dos proxectos propón a creación dun centro na área de Vigo no que se “realizarán probas de certificación e desenvolvemento de compoñentes de satélites nunha contorna similar á do espazo”, e con todas as medidas de seguridade necesarias. Deste xeito, ofreceranse dous servizos: a certificación de tecnoloxías satelitais e probas para o desenvolvemento de tecnoloxías de propulsión eléctricas.

A terceira iniciativa configúrase como unha instalación complementaria ao Laboratorio de Intelixencia Artificial da Cidade das TIC, ofrecendo servizos de demostración, prototipado e lanzamento de proxectos para a implantación de produtos e servizos relacionados coa propia intelixencia artificial.

Estas actuacións compleméntase cos proxectos da liña de centros dixitais, no marco do programa do Fondo de Transición Xusta, e que presta especial atención á mellora da dixitalización do tecido empresarial e á modernización da industria galega a través da creación deste tipo de infraestruturas nos lugares identificados como zonas de transición xusta que, no caso de Galicia, se corresponde coa provincia da Coruña.

DOUS NOVOS CENTROS DIXITAIS

Neste eido, tal e como explicou o presidente, os novos proxectos permitirán, dun lado, a posta en marcha do primeiro punto neutro de conectividade en Galicia, que se localizará en Santiago, e que mellorará a experiencia dixital en todo o territorio, impulsando a transformación da Comunidade con especial atención a tres ámbitos: mundo rural, sectores emerxentes e pemes; e doutro, a posta en marcha, na Cidade das TIC, dun centro dixital de monitorización, produción remota e análise de vídeo.

A finalidade destas dúas liñas é o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, a modernización e desenvolvemento da base industrial, e a mellora da dixitalización dos procesos empresariais. En definitiva, perséguese a promoción das infraestruturas axeitadas como factor determinante para mellorar a competitividade das pemes galegas, apostando por un modelo de crecemento intelixente, sustentable e innovador.

Neste sentido, cómpre lembrar que na actualidade estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en sectores tan diversos como as TIC, o turismo, a saúde, a loxística, o biotecnolóxico, o agroalimentario ou o deporte. En total, suman investimentos por máis de 26,6 M€, cunha axuda de 18,6 M€.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia