Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana eloxia a fortaleza exportadora das empresas galegas: “É unha mostra desa Galicia calidade industrial e económica”

  • A conselleira de Economía e Industria subliñou que Galicia está nos primeiros postos do ránking nacional de exportacións, con 18.410 millóns de euros rexistrados de xaneiro a xullo, un 0,9% máis que hai un ano
  • Na súa participación na xornada Conversas Conecta Ourense puxo en valor as liñas de apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para a apertura de novos mercados
  • María Jesús Lorenzana avanzou que a Xunta está a piques de anunciar a nova Estratexia de Internacionalización na que vén traballando e que “bebe do éxito” da planificación anterior
  • A xornada permitiu coñecer o modelo de apertura exterior de seis empresas da provincia: Gómez y Crespo, Regalsa, Dame après Paris, Viña Costeira, Eleko Tecnología e Innovación e Granitos del Val

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo de manifesto a capacidade exportadora das empresas galegas, que sitúa Galicia nos primeiros postos do ránking nacional con 18.409,7 millóns de euros rexistrados de xaneiro a xullo, un 0,9 por cento máis na comparativa co mesmo período de 2025. Lorenzana interveu na xornada Conversas Conecta Ourense, organizadas pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), onde apuntou que Galicia está entre as comunidades autónomas máis exportadoras, moi preto do País Vasco, coa que habitualmente mantén cifras moi semellantes. “É unha mostra desa Galicia calidade industrial e económica”, afirmou.

“Estamos moi por riba en peso exportador do noso peso poboacional -proseguiu-, e iso ten moitísimo que ver co talento, coa capacidade do tecido produtivo galego, pero tamén con que se fixeron as cousas ben”, recoñeceu, en alusión ás confederacións de empresarios, ás propias empresas e, tamén, ao labor de acompañamento que leva feito a Administración autonómica.

A titular de Economía e Industria referiuse así ás liñas de apoio que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) leva posto á disposición das empresas galegas para a apertura de novos mercados. E, neste contexto, avanzou que a Xunta está a piques de anunciar a nova Estratexia de Internacionalización na que está traballando e que, segundo dixo, “bebe do éxito da anterior”, concluíu.

MÁIS DE 400 AXUDAS XESTIONADAS

A piques de cumprirse cinco anos de percorrido da iniciativa Conecta Ourense, o encontro con empresas celebrado na sede da CEO serviu para facer balance dos impactos positivos que este proxecto acadou no tecido empresarial ourensán. Ese resumo de actividade inclúe 1.316 empresas atendidas desde o inicio, a cobertura nas 12 comarcas da provincia, 1.834 accións de asesoramento e un total de 427 axudas que Conecta Ourense xestionou directamente coas beneficiarias.

Algunhas destas empresas que Conecta Ourense acompañou nos seus camiños de innovación, na apertura de mercados, na dixitalización ou cara a parámetros máis sustentables, participaron neste encontro para contar de primeira man os seus fitos máis destacables. Así a sesión permitiu coñecer de cerca o exemplo de seis empresas da provincia que a, través deste asesoramento e acompañamento continuo, atoparon os recursos adecuados para transformar oportunidades en proxectos reais de innovación, internacionalización, sustentabilidade, investimento e crecemento. Gómez y Crespo, Regalsa, Dame après Paris, Viña Costeira, Eleko Tecnología e Innovación e Granitos del Val foron os exemplos mostrados.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia