Consellería de Economía e Industria
O próximo Consello da Xunta aprobará tres liñas de axudas para o sector forestal-madeira por un importe superior aos 16 millóns de euros, avanzou Lorenzana

- A conselleira de Economía e Industria detallou que o programa Xera-tecno estará dotado con 11 millóns, o Xera-valor con 4,5 millóns e o Xera-savia con 500.000 euros
- Os apoios abarcan desde a compra de maquinaria, acondicionamento de instalacións, tecnoloxías e equipamento para deseño e fabricación ata certificacións e actividades formativas ou divulgativas
- Nunha visita ao serradoiro de Maderas Hermanos García Rocha, en Oza-Cesuras, María Jesús Lorenzana lembrou que a Xunta está elaborando un plan director, con medidas e actuacións “para fortalecer a competitividade dun sector clave en Galicia”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que nos vindeiros días sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia as tres principais ordes de axuda da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para este ano, que serán aprobadas no Consello da Xunta do vindeiro luns. Suman algo máis de 16 millóns de euros e van dirixidas á modernización do sector, á formación e á valorización da madeira e outros produtos de orixe forestal. Así o adiantou na súa visita ás instalacións de Maderas Hermanos García Rocha acompañada do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos. Esta empresa familiar de Oza-Cesuras (A Coruña) é o terceiro serradoiro da provincia da Coruña en termos de consumo de madeira de piñeiro, e o noveno no conxunto de Galicia. Resultou beneficiario destas axudas da Xunta en diferentes convocatorias.
María Jesús Lorenzana explicou que un dos programas de axudas que se vai convocar proximamente é o Xera-tecno -dotado con 11 millóns de euros-, que conta con diferentes liñas para a compra de maquinaria; o acondicionamento de instalacións; para equipamento de aproveitamento da biomasa, a castaña ou a resina; ou, entre outras, para a implantación de tecnoloxías de rastrexabilidade e medición do inventario forestal, nas que se inclúen vehículos aéreos non tripulados. As empresas que acudan a esta convocatoria poden acadar un máximo de entre 50.000 e 200.000 euros en axudas.
Outro dos programas é o Xera-valor (4,5 millóns de euros), para empresas de segunda transformación da madeira. Inclúe varias liñas de apoios para, por exemplo, a compra de maquinaria de deseño e fabricación de mobiliario ou de elementos para a construción. Tamén para tecnoloxías de automatización e dixitalización de procesos, ou para maquinaria específica para tratamentos, secado e acabados; certificacións, ecoinnovación ou seguridade e saúde laboral. As axudas poden alcanzar un máximo de entre 60.000 e 250.000 euros.
En terceiro lugar, nos vindeiros días tamén se vai abrir o prazo de solicitude das axudas Xera-savia (500.000 euros), para actividades formativas ou divulgativas, con subvencións de ata 70.000 euros.
PRÓXIMO PLAN DIRECTOR SECTORIAL
Na visita á sede de Maderas Hermanos García Rocha, a conselleira de Economía e Industria lembrou que a Xunta está elaborando un plan director para o sector forestal-madeira cuxo borrador foi presentado ao Consello da Xunta do pasado 19 de xaneiro e que recolle medidas e actuacións para fortalecer a competitividade deste sector clave en Galicia.
A industria forestal-madeira abrangue unhas 3.000 empresas e conta con máis de 13.600 persoas ocupadas. A súa facturación anual sobrepasa os 2.400 millóns de euros e representa arredor do 1,7 por cento do PIB galego. En sete comarcas galegas figura entre as tres primeiras actividades industriais. Outro indicador da súa fortaleza na Comunidade é que representa o 5,5 por cento da cifra de negocio total da industria galega, con preto de 3 millóns de euros.


























