Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda ratifica o compromiso da Xunta por seguir impulsando o despregamento eólico para manter o liderado de Galicia no sector

  • O presidente da Xunta remarca que a Comunidade encabeza o número de centros produtivos, de empresas especializadas e de emprego, cuns 5.000 postos de traballo vinculados á enerxía do vento
  • Precisou que nos últimos meses foron presentadas sete novas solicitudes de repotenciación de parques, que se suman ás nove que se tramitaron entre 2024 e 2025
  • Rueda participou xunto coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente de Siemens Gamesa en España, Kerman Gabiola, na inauguración dun banco de probas na planta de reparación de compoñentes eólicos de Sigüeiro

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou o compromiso da Administración autonómica por seguir impulsando o despregamento eólico na Comunidade autónoma, co obxectivo de manter o liderado de Galicia neste sector: “Hai que poñer en valor o ben que se fan aquí as cousas. Aquí, nun recuncho de España e de Europa, fanse traballos de moita precisión. E hai moita xente de moitas partes do mundo que decide que este é o lugar no que ten que confiar os seus investimentos e os seus negocios. Iso fala moi ben do traballo que facemos”, resaltou durante unha visita á planta de reparación de compoñentes eólicos de Siemens Gamesa en Sigüeiro, no concello de Oroso. Neste acto, no que participaron ademais a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o director xeral de Siemens Gamesa en España, Kerman Gabiola, inaugurouse un novo banco de probas, executado integramente en Galicia, e que servirá para garantir a máxima calidade nos procesos de reparación desta planta do sector eólico.

“Quen inviste é porque, primeiro, quere consolidar o que xa ten. E, segundo, porque quere seguir medrando. Sempre que alguén decide investir en Galicia nós temos que celebralo e apoialo”, argumentou o presidente da Xunta na súa intervención. Alfonso Rueda fixo fincapé en que, segundo apuntan os últimos informes do sector eólico, Galicia é líder en número de centros produtivos e empresas especializadas, así como nas cifras de emprego. En concreto, o sector xera na Comunidade uns 5.000 postos de traballo, entre directos e indirectos: “Agradezo moitísimo a aposta de Siemens-Gamesa, o voso traballo, e pídovos que nos axudedes a que entre todos consigamos que Galicia non perda a posición punteira que tivo no sector eólico”, demandou Rueda.

Para manter este liderado, a Xunta está a poñer en marcha un amplo abano de medidas. Entre outras, a Lei de recursos naturais, que garante que boa parte dos beneficios da terra e do vento queden en Galicia; o novo plan sectorial eólico, que se empeza a tramitar este ano e que, entre outras novidades, pretende dar máis seguridade xurídica; ou o impulso á eólica mariña, un segmento con moita proxección futura.

SETE NOVAS SOLICITUDES DE REPOTENCIACIÓN

O presidente da Xunta tamén puxo en valor o proceso de repotenciación que está impulsando o Goberno galego, e que ten como obxectivo xerar máis produción con menor impacto no medio ambiente. Neste sentido, precisou que se prevé eliminar ata o 80% dos muíños grazas á instalación doutros aeroxeradores máis modernos, potentes e eficientes. Nos últimos meses presentáronse sete novas solicitudes de repotenciación, que se suman ás outras nove que se tramitaron entre 2024 e 2025: “Nós temos o noso propio petróleo na auga e no vento. E sería absurdo que non intentásemos utilizalo”, remarcou.

Por último, o titular do Executivo galego lamentou o bloqueo xudicial ao que está sometido o sector e que está dificultando o despregamento dunha enerxía que contribuiría de forma decidida á transición verde, grazas á redución de emisións contaminantes, e ao impulso da industria galega, a través da subministración de enerxía limpa e barata: “Todos teñen dereito a competir, pero nós tamén. E se temos iso claro, e o defendemos con rigor, seguro que nos irá ben”, rematou ma súa visita á planta galega de reparación de compoñentes eólicos de Siemens Gamesa.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia