Consellería de Economía e Industria
A Xunta activará un plan de control específico sobre os produtos importados do Mercosur e creará un Observatorio de Prezos de Galicia

- Alfonso Rueda anunciou a posta en marcha dun paquete de medidas, a curto e medio prazo, para “dar certezas e estabilidade ao sector agrícola” ante o novo escenario do acordo UE-Mercosur
- Avanza que en Galicia haberá controis das importacións para vixiar “a presenza de substancias non permitidas, as condicións sanitarias dos produtos ou a súa correcta etiquetaxe e trazabilidade”
- O obxectivo é garantir “que calquera produto que entre en Galicia cumpre cos mesmos requisitos” que os que se elaboran na Comunidade, defende Rueda
- O Goberno galego solicitará ao central e á Comisión Europea que non poñan en marcha de xeito provisional o acordo “mentres non queden blindadas as garantías para agricultores e gandeiros contempladas no Regulamento de salvagardas”, pendente de aprobación
- A Xunta reforzará a estratexia de promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e de proximidade, fomentará as exportacións para aproveitar as oportunidades nos novos mercados e fará campañas de sensibilización entre os consumidores
- Outras demandas son un maior reforzo dos controis de fronteira e a inclusión de máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas dentro do acordo UE-Mercosur
- Galicia impulsará unha fronte común con organizacións profesionais agrarias e con Comunidades autónomas ante a futura PAC, en defensa do sector primario
O Executivo autonómico vai poñer en marcha “unha serie de medidas, a curto e medio prazo, para dar certezas e estabilidade ao sector agrícola” en relación co acordo entre a Unión Europea e Mercosur e a futura Política Agraria Común (PAC), anunciou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Nesta liña, lembrou que hai que ter en conta que o tratado pode entrar en vigor de xeito provisional e sen as garantías explícitas no Regulamento de salvagardas, tras a decisión do Parlamento comunitario de elevar o acordo ante o Tribunal de Xustiza da UE. Rueda salientou que a Xunta seguirá insistindo en que é fundamental que calquera tipo de acordo “garanta que todos os produtos agroalimentarios que entren en Galicia cumpren cos mesmos requisitos que os que se elaboran aquí”.
Entre as iniciativas máis destacadas figuran o desenvolvemento dun amplo plan de control específico en Galicia sobre os produtos importados e a posta en marcha do Observatorio de Prezos de Galicia. O titular do Executivo galego indicou que os controis realizados na Comunidade vixiarán “a presenza de substancias non permitidas, as condicións sanitarias dos produtos ou a súa correcta etiquetaxe e trazabilidade”, e explicou que xa se está a traballar nun observatorio para facer un “seguimento do mercado para os produtos agroalimentarios”.
Ademais, indicou que a Xunta tamén levará a cabo o reforzo da estratexia de promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e de proximidade; o desenvolvemento dunha estratexia de impulso das exportacións de produtos da Comunidade galega co fin de aproveitar as oportunidades dos novos mercados; e a realización de campañas de sensibilización dos consumidores para incrementar o consumo da produción propia.
Por outra parte, e a maiores das accións propias, a Xunta solicitará ao Goberno central e á Comisión Europea que non poñan en marcha de xeito provisional o acordo mentres non queden blindadas as garantías para os agricultores e gandeiros contempladas no Regulamento de salvagardas, actualmente sen aprobar, e demais cuestións aínda a debate no marco da UE. Tamén lle pedirá ao Goberno un maior reforzo dos controis de fronteira e que defenda así mesmo a inclusión de máis DO (denominacións de orixe) e IXP (indicacións xeográficas protexidas) galegas protexidas no acordo, posto que actualmente só hai contempladas dúas e Galicia é a terceira Comunidade de España con máis indicativos de calidade certificada.
Así mesmo, Alfonso Rueda engadiu que o Goberno galego pediralle á Comisión europea o incremento do fondo de continxencia para crise, así como unha maior dotación de financiación na PAC para paliar os posibles efectos sobre o sector primario europeo. Sobre este mesmo asunto, o decálogo de medidas tamén contempla o impulso a unha fronte ampla con organizacións profesionais agrarias e con Comunidades autónomas ante a futura PAC en defensa do sector primario, unha Política Agraria Común que debería contar con máis fondos, cos dous piares diferenciados e con menos requisitos e burocracia. “Os fondos non poden diminuír”, reiterou Rueda.
EN DEFENSA DOS AGRICULTORES E GANDEIROS GALEGOS
Nas últimas semanas a Consellería do Medio Rural mantivo un contacto permanente cos diferentes axentes do sector primario para poder estudar, en conxunto, as implicacións do acordo UE-Mercosur para Galicia. Este paquete de dez medidas, ao que se lle poden sumar máis co paso do tempo, busca protexer e defender os intereses dos agricultores e gandeiros galegos.
Outra actuación salientable, segundo afirmou Alfonso Rueda, será o reforzo da estratexia de promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e Km0. Farase a través de accións de apoio ao sector produtor, nos principais lineais de distribución e por medio do fomento de feiras e actos que impulsen os produtos galegos, con especial fincapé naqueles con marca de calidade. Esta iniciativa complementarase coa realización de campañas de sensibilización dos consumidores respecto ao consumo de produtos galegos, “que son emblema de bo facer, calidade e sustentabilidade social e ambiental”, asegurou.
Así mesmo, implementarase unha estratexia de impulso ás exportacións de produtos galegos, especialmente daqueles sectores que poden aproveitar máis a oportunidade do acordo UE-Mercosur, como poden ser, por exemplo, os queixos ou o sector vitivinícola.
O acordo ten implicacións adicionais en Galicia, por contar cun sector agroalimentario altamente desenvolvido e cunha importante concentración de explotacións familiares, que por outro lado son cada vez máis modernas e punteiras. Neste contexto, Rueda afirmou que este paquete de medidas específico responde “á defensa e impulso do sector primario galego que vén facendo a Xunta de Galicia de xeito constante ante novos escenarios”.
No informe avaliado polo Consello da Xunta sinálase que as oportunidades do acordo UE-Mercosur para Galicia céntranse principalmente en exportacións de produtos de alta calidade, acceso a materias primas para o gando máis económicas ou cooperación e transferencia tecnolóxica.


























