Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda enxalza a figura de Cándido Hermida, empresario de Ferrolterra do sector do deseño e interiorismo, como referente do prestixio industrial Galicia

  • Na entrega do XV Premio Liderazgo Empresarial que concede a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) destacou a capacidade do galardoado “para converterse nun líder global e nun exemplo da Galicia Calidade que se traballa durante anos e con esforzo”
  • O grupo empresarial creado por Cándido Hermida está especializado en solucións integrais de deseño, fabricación e interiorismo a medida para os sectores retail, horeca e naval, con presenza en máis de 500 cidades de 80 países
  • No acto da CEC, Rueda salientou o papel da Xunta como Administración facilitadora que elimina trabas burocráticas e ofrece estabilidade e previsibilidade aos investidores
  • Destacou ademais o bo momento da economía galega, que pechou 2025 co nivel de desemprego máis baixo para un mes de decembro en toda a serie histórica, e que segue batendo rexistros en exportacións

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou a figura de Cándido Hermida como un referente imprescindible do tecido produtivo galego, cuxa traxectoria encarna os valores do esforzo, a humildade e o compromiso coa terra que o veu nacer. Durante a súa intervención na XV edición dos premios da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), que este ano recibiu o empresario de Ferrolterra, Rueda definiu ao galardoado como “un exemplo da Galicia Calidade que se traballa durante anos e con esforzo”.

Na súa intervención neste acto que congregou a unha representación do empresariado coruñés e galego, destacou a capacidade de Cándido Hermida para converterse nun líder global –o seu grupo empresarial, especializado en solucións integrais de deseño, fabricación e interiorismo a medida para os sectores retail, horeca (hoteis, restaurantes e cafeterías) e naval, está presente en máis de 500 cidades de 80 países–, sen esquecer as súas orixes como ebanista. Ao mesmo tempo, o titular do Executivo galego tamén puxo en valor o espírito emprendedor do premiado, que decidiu crear a súa propia empresa aos 45 anos e convertela nunha gran industria aos 65, ao instalarse no polígono naronés de Río do Pozo.

Así mesmo, Rueda recoñeceu o importante papel que xogan en Galicia as empresas familiares, xa que representan o 94% das firmas da Comunidade, e agradeceu especialmente o compromiso de Cándido Hermida coa formación das novas xeracións a través da FP Dual, lembrando que o grupo empresarial foi pioneiro en colaborar na súa comarca con esta modalidade que acada taxas de inserción laboral próximas ao 100%.

No acto, o presidente autonómico reafirmou o compromiso da Xunta de ser unha Administración facilitadora que estea sempre ao lado dos empresarios que elixan Galicia para xerar riqueza. Neste sentido, puxo como exemplo a Oficina Económica de Galicia como ferramenta clave para eliminar trabas burocráticas, un modelo de éxito que recentemente expandiu a súa presenza coa apertura dunha nova sede en Madrid.

SEGURIDADE PARA O INVESTIMENTO

O presidente da Xunta subliñou que a Comunidade ofrece hoxe estabilidade e previsibilidade aos investidores, como demostra a publicación anticipada este mes das axudas que vai ter o Igape para este ano (181 millóns de euros en 13 liñas de apoio), o que permite que as empresas poidan planificarse mellor.

Ademais, Rueda salientou o bo momento que está a atravesar a economía galega, que pechou o exercicio de 2025 co nivel de desemprego máis baixo para un mes de decembro en toda a serie histórica. Ao mesmo tempo, Galicia continúa batendo marcas en exportacións, consolidándose como un motor competitivo no mercado internacional.

Finalmente, felicitou á Confederación de Empresarios da Coruña polo seu papel como altofalante das demandas do sector empresarial e por recoñecer a traxectoria do tecido produtivo da Comunidade a través destes premios.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia