Consellería de Economía e Industria
Lorenzana critica a “clara discriminación” de Galicia na distribución dos fondos europeos e ve “pouca seriedade e tecnicidade” nos criterios do Goberno
- A conselleira de Economía e Industria asegura que os máis de 40.000 millóns de euros dos Perte, que “son para todas as empresas”, están sendo empregados “dun xeito totalmente político”
- Remarca que hai iniciativas doutras Comunidades que resultaron beneficiarias dos fondos Next Generation “sen ter sequera comezado unha avalicación ambiental que sempre se exixe para os proxectos galegos”
- María Jesús Lorenzana manifestouse nestes termos logo de que se dese a coñecer que o proxecto de Altri en Palas de Rei e o de Ence nas Pontes quedan fóra do Perte de descarbonización
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, criticou que Galicia está sendo “claramente discriminada” na distribución dos fondos europeos a través dos Perte (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica), que o Goberno, dixo, está facendo con “pouca seriedade e tecnicidade”. A conselleira manifestouse así logo de que se coñecese que o proxecto de Altri en Palas de Rei e o de Ence nas Pontes quedan fóra do Perte de descarbonización.
“Galicia está sendo claramente discriminada na distribución de fondos e, ademais, mesmo nos criterios que se empregan para considerar avaliable ou non un proxecto”, matizou, para remarcar que hai iniciativas doutras comunidades que resultaron beneficiarias dos fondos Next Generation “sen ter sequera comezado unha avaliación ambiental” que, para os proxectos galegos, “sempre se exixe”, asegurou.
Lorenzana quixo poñer de manifesto a “decepción” da Xunta de Galicia pola pouca seriedade e tecnicidade que está a ter o Goberno central “nunha cousa tan seria como é distribuír entre as empresas españolas os máis de 40.000 millóns de euros dos Perte, dos fondos europeos, que son para todas as empresas e que se están empregando dun xeito totalmente político”, remarcou.
Á espera de poder ter acceso á resolución, a titular de Economía e Industria criticou, ademais, o modo en que se deu a coñecer: “Non é o ministerio competente” quen o fai público, apuntou, nin foi a través dunha notificación ou dunha publicación, como determina a lexislación vixente que se han de comunicar os resultados dunha comisión de valoración dunhas axudas públicas, explicou.