Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana apela ao traballo conxunto entre a Administración e toda a cadea de valor da automoción galega para que o sector saia fortalecido dos seus novos retos

  • A conselleira de Economía e Industria participou na presentación do proxecto ‘Facendo Plus’, liderado por Stellantis Vigo e integrado no programa de axudas da Xunta ‘Fábrica Intelixente e Sustentable’, dotado con 24 millóns de euros

  • Considera fundamental evitar a deslocalización de investimentos, e reitera o compromiso autonómico co sector con medidas como o plan director da automoción e a liña de axudas de 18 M€ para a industria de compoñentes

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apelou ao traballo conxunto entre a Administración autonómica e toda a cadea de valor do sector da automoción en Galicia para que esta industria saia fortalecida fronte aos retos que está afrontando. “A automoción ten, a día de hoxe, moitas dificultades desde o punto de vista regulatorio, da electrificación, a competencia con economías con custos laborais e medioambientais máis laxos, e necesitamos, sen dúbida, facelo moi ben, primeiro de todo, os gobernos”, dixo.

Acompañada da directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, e do secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, Lorenzana asistiu á presentación do proxecto ‘Facendo Plus’, liderado por Stellantis Vigo en colaboración co CTAG, Gradiant, Aimen, EnergyLab, a Universidade de Vigo e as empresas Unimate Robótica, SFC Solutions, Probotec e Itera Técnica. Un proxecto que se enmarca na última convocatoria do programa de axudas da Xunta ‘Fábrica Intelixente e Sustentable’, dotado con 24 M€, e que, desde 2016 e nas súas cinco edicións convocadas, prestou apoio a 24 iniciativas de innovación industrial que mobilizaron 271 M€ en investimentos.

AUTOMOCIÓN GALEGA DE RÉCORD

Na súa intervención, a conselleira de Economía e Industria puxo en valor como cada ano a automoción en Galicia consolida cifras récord. En facturación, un 12% máis en 2023, ata acadar os 13.000 M€. En exportacións, en 2023 marcou o seu mellor dato histórico, con 9.400 M€, o que supón un incremento do 14% con respecto a 2022 e equivale ao 31,3% do total de exportacións de Galicia. En capital humano, a cifra de persoas traballadoras creceu un 7% e contabiliza neste momento 24.800 empregos directos. Tamén as vendas de compoñentes ao exterior creceron un 18% en 2023, alcanzando os 2.050 M€. E en produción nacional, a factoría de Balaídos fabricou o pasado ano o 22% dos vehículos producidos en España, polo que volve a ser a máis produtiva.

María Jesús Lorenzana considerou, non obstante, que o fundamental neste momento é evitar a deslocalización de investimentos. Ao respecto, reiterou o compromiso da Xunta co sector, que se pon de manifesto con medidas como o plan director da automoción que se vai presentar este mes e que inclúe a liña de axudas de 18 M€ de fondos propios para apoiar a competitividade, a eficiencia enerxética e os investimentos da industria de compoñentes que acompañan a Stellantis en todo o seu proceso produtivo. E tamén apuntou que a Xunta está traballando en novas liñas dentro dos fondos FEDER asignados a Galicia destinadas ao sector, sabendo que as pequenas e medianas empresas auxiliares xeran máis de 18.000 empregos.

Unha vez máis, a conselleira volveu lembrar que hai máis de 33.000 M€ de fondos en Pertes industriais e o 50% aínda está sen convocar, polo cal considerou que “aínda hai marxe para que eses fondos poidan chegar ao tecido produtivo e a esas rexións que somos líderes en produción e que temos que seguir séndoo”.

Lorenzana concluíu facendo referencia aos tres piares en que se basea a política económica da Xunta: a desburocratización, coa Oficina Económica do Igape en marcha desde abril; a aceleración de proxectos industriais con máis de 800.000 euros de investimento; e unha planificación enerxética adaptada á planificación de solo industrial a través do mapa industrial no que se está a traballar. Xunto con isto, tamén mencionou o impulso á innovación industrial, cunha nova área de innovación no Igape coordinada coa Axencia Galega de Innovación (Gain), agora dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia