Consellería de Economía e Industria
Rueda defende un frente común con Castela e León e co conxunto das Comunidades autónomas e Administracións para avanzar en infraestruturas e na economía

- O presidente da Xunta e o de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, participaron en Lugo no `II Foro Ancares: os retos do Noroeste´
- Alfonso Rueda remarcou que a vivenda é “un problema de primeiro orde” fronte ao que hai que “ser prácticos” e precisou que o obxectivo do Goberno galego é duplicar nesta lexislatura o parque público, ata as 8.000 vivendas, estando xa en marcha preto de 3.000
- Tamén incidiu na aposta da Xunta por promover a investigación e innovación galega (I+G+i), e avanzou que esta semana iniciouse a tramitación da nova Lei de ciencia e innovación
- No ámbito das autoestradas, lembrou que en Galicia se seguen pagando unhas peaxes inxustas mentres se levantan noutros territorios, e subliñou a importancia de que se avance no Corredor Atlántico
- O titular da Xunta reafirmou o compromiso galego cun turismo “sostible e responsable”, e avogou pola desestacionalización e por estendelo a distintas zonas
- Volveu a lamentar a discriminación que sofre a provincia de Lugo tanto no eido da planificación eléctrica, que impide o desenvolvemento de novas industrias, como no das infraestruturas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou por seguir tendendo pontes con Castela e León, así como co conxunto das Comunidades autónomas e Administracións, para impulsar o desenvolvemento económico, as infraestruturas e o benestar social. Rueda, que participou xunto co presidente castelán leonés, Alfonso Fernández Mañueco, no `II Foro Ancares: os retos do Noroeste´, organizado por El Progreso e Diario de León, sinalou que a vivenda é “un problema de primeiro orde” fronte ao que hai que “ser prácticos e facer vivendas”. O obxectivo do Goberno galego, tal e como recordou, é duplicar nesta lexislatura o parque público, pasando de 4.000 a 8.000 vivendas, e estando en marcha xa preto de 3.000.
Tal e como se lembrou no foro, para o vindeiro ano, entre outras medidas, incrementarase un 20% a edificabilidade nas promocións de vivenda protexida e poñerase en marcha un proxecto piloto para adquirir e rehabilitar baixos comerciais en desuso para transformalos en vivenda pública.
Ademais, o presidente autonómico incidiu na aposta da Xunta por promover a I+G+i, é dicir a investigación e innovación galega, e apuntou que acaba de iniciarse a tramitación da nova Lei de ciencia e innovación. Neste ámbito, destacou a concesión da fábrica europea de intelixencia artificial coa que contará Galicia. Ademais, Alfonso Rueda subliñou as oportunidades que supón o parque empresarial de Rozas no sector da defensa e a seguridade, que ofrece “moitísimas posibilidades de crecemento”.
Por outra banda, lamentou a discriminación que sofre a provincia de Lugo tanto no eido da planificación eléctrica, que impide o desenvolvemento de novas industrias, como no ámbito das infraestruturas, subliñando a importancia de que o Goberno central conte con orzamentos para poder realizar investimentos nesa provincia.

PARÓN DO CORREDOR ATLÁNTICO
No relativo ás autoestradas, onde existe unha fronte común con Asturias e Castela e León, o responsable do Executivo galego lembrou que se seguen pagando unhas peaxes inxustas mentres se levantan noutros territorios, e subliñou a importancia de que se avance no Corredor Atlántico. O presidente da Xunta sinalou que “non pode ser que Ferrol e Lugo sigan a estas alturas sen unha conexión ferroviaria á altura” e apuntou que “todo isto hai que pedilo e hai que pedilo ao mesmo tempo”.
Rueda reflexionou sobre a necesidade de impulsar actividade económica no territorio que xere emprego e “contribúa polo tanto á fixación de poboación”, apostando por dar facilidades ás empresas e aos emprendedores que queren poñer en marcha novas iniciativas, sempre que respecten de xeito rigoroso a normativa.
Con respecto á enerxía eólica, subliñou que “a Xunta é a primeira interesada e a primeira promotora de que se cumpra coa legalidade”, subliñando que o desenvolvemento das renovables é fundamental para dar enerxía á industria, “e se non a teñen iranse a outros lugares”, advertiu.
Neste marco do `II Foro Ancares: os retos do Noroeste´ reafirmou ademais o compromiso de Galicia cun turismo sostible e responsable, avogando pola desestacionalización e por estendelo a distintas zonas, desde a defensa dun turismo de calidade sen “perder as esencias”, matizou.


























