Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O ecosistema tecnolóxico galego creceu un 26% no último ano e xa está formado por 388 empresas innovadoras, das que 229 son startups

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, salientou no XI Maker Faire Galicia o papel da innovación e do talento creativo como motores da transformación industrial de Galicia
  • Definiu a innovación, a creatividade e a tecnoloxía como “as mellores ferramentas para avanzar cara a unha industria máis competitiva, sostible e comprometida coas persoas”
  • Toca Carús destacou a consolidación de Galicia entre as rexións máis innovadoras, tal e como acredita a posición ascendente no Regional Innovation Scoreboard 2025 da Comisión Europea, cunha mellora do 16,7% en rendemento desde 2020
  • Lembrou que o Igape lanzou recentemente unha nova convocatoria de axudas para apoiar os gastos iniciais de proxectos innovadores, ao tempo que a Oficina Económica de Galicia ofrece acompañamento e orientación a emprendedores e empresas

A directora do Igape, Covadonga Toca, salienta o papel da innovación, da creatividade e da tecnoloxía como “as mellores ferramentas para avanzar cara a unha industria máis competitiva, sostible e comprometida coas persoas”. Durante a súa participación na Xornada de Innovación en Industria, celebrada na Casa das Máquinas de Santiago no marco da XI edición da Maker Faire Galicia, encontro que se ten consolidado como a feira maker máis importante do sur de Europa, Toca Carús destacou que Galicia está a dar pasos firmes no ámbito da innovación, situándose nunha posición ascendente no Regional Innovation Scoreboard 2025 da Comisión Europea, no que acredita unha mellora do 16,7% en rendemento desde 2020, por riba da media española e europea. Ademais matizou que este avance é froito dun esforzo colectivo entre Administracións, universidades e empresas, que están a colocar a innovación no centro do desenvolvemento económico de Galicia.

Nesta cita da Maker Faire Galicia, tamén puxo en valor o forte impulso do emprendemento innovador, cun ecosistema cada vez máis sólido e dinámico. Galicia conta xa con 388 empresas tecnolóxicas e innovadoras, un 26% máis que o ano anterior, das cales 229 son startups. Estas compañías xeran emprego cualificado e investimento, demostrando que en Galicia hai talento, colaboración e capacidade para converter as ideas en solucións con impacto real, subliñou a directora do Igape.

Neste contexto, lembrou que a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, acompaña ese esforzo con programas específicos, como as aceleradoras sectoriais BFAuto, BFAero, BFFood, BFClimaTech e BFSport, ás que se suman ViaGalicia -en colaboración coa Zona Franca de Vigo- e as novas aceleradoras en saúde e enerxías renovables que se poñerán en marcha antes de que finalice o ano.

AXUDAS PARA OS GASTOS INICIAIS DE PROXECTOS INNOVADORES

Ademais, o Igape lanzou recentemente unha nova convocatoria de axudas para apoiar os gastos iniciais de proxectos innovadores, mentres que a Oficina Económica de Galicia ofrece acompañamento e orientación a emprendedores e empresas. “Contamos cun modelo sólido e coordinado que apoia os proxectos desde a idea ata a internacionalización”, sinalou.

A directora do Igape salientou o papel da intelixencia artificial como motor da nova industria, unha tecnoloxía que xa é unha realidade capaz de redefinir procesos e crear novas oportunidades. Segundo a Fundación Cotec, o uso da IA nas empresas medrou de forma significativa, mellorando tamén os seus niveis de produtividade. Covadonga Toca remarcou que Galicia está preparada para aproveitar esta oportunidade, grazas ao traballo dos centros tecnolóxicos, das universidades e dun tecido empresarial cada vez máis dixital e competitivo, e destacou que a Comunidade conta co talento e os recursos necesarios para liderar unha industria máis intelixente, sostible e humana.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia