Consellería de Economía e Industria
Galicia contará en 2026 cunha fundación de colaboración público-privada que dará apoio a un novo modelo de investigación forestal na Comunidade

- O presidente da Xunta fixo este anuncio durante a súa intervención no V Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia “Piñeiros 25”, en Santiago de Compostela
- Indicou que o obxectivo é impulsar a innovación nun sector estratéxico para Galicia e avanzar cara “un monte diverso, produtivo, que xere emprego e riqueza” na Comunidade
- A fundación terá como eixes centrais de actuación avanzar na mellora, conservación e coidado das especies, e apostar pola industrialización do produto en sectores como o da vivenda
- Alfonso Rueda detallou que todas as empresas interesadas poderán participar nesta nova fundación coa que se busca consolidar unha industria forestal potente en Galicia que lle permita ser líder e punteira en Europa
No transcurso do V Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia “Piñeiros 25”, que tivo lugar en Santiago de Compostela, o presidente da Xunta anunciou que o Goberno autonómico constituirá no 2026 unha fundación de colaboración público-privada que servirá de apoio para desenvolver un novo modelo de investigación forestal na Comunidade. Rueda sinalou que o obxectivo é impulsar a innovación nun sector estratéxico para Galicia e avanzar cara “un monte diverso, produtivo, que xere emprego e riqueza en Galicia”.
Durante a súa intervención neste foro, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente da Xunta resaltou que todas as empresas interesadas poderán participar nesta nova fundación coa que se busca consolidar unha industria forestal potente en Galicia que lle permita ser líder e punteira a nivel europeo.
Tal e como explicou no acto, a fundación terá dous eixes centrais de actuación: avanzar na mellora, conservación e coidado das especies; e apostar pola industrialización do produto aproveitando as oportunidades que ten a madeira en sectores como o da vivenda. Nesta liña resaltou o potencial da madeira “como elemento construtivo, elemento de futuro” que cómpre consolidar tanto á hora de construír novas vivendas como na rehabilitación de inmobles.
Ademais a Xunta apoia ao sector con outras medidas como axudas específicas para a súa modernización ou achegas para facer fronte aos tratamentos fitosanitarios contra as pragas. A saúde das especies forestais é unha prioridade para o Goberno galego. Por iso, os orzamentos de 2026 inclúen unha partida de case 8 millóns de euros para tratamentos e outras actuacións sanitarias. Isto supón máis do dobre que o reservado nas contas autonómicas de 2025.

MOTOR QUE XERA PRETO DE 20.000 EMPREGOS
A industria forestal-madeira é un dos motores da economía galega e sitúa a Galicia como referente no sector a nivel estatal. A Comunidade aglutina máis da metade das cortas de madeira de toda España, o sector xera preto de 20.000 empregos e factura uns 2.500 millóns de euros ao ano. “Polo que supón respecto ao PIB, ao asentamento de traballo nas zonas rurais ou a súa capacidade de combinar tradición e innovación, o sector da madeira é unha parte fundamental desa Galicia Calidade”, indicou o presidente.
Rueda resaltou a importancia da colaboración público-privada neste eido non só para avanzar cara un sector máis innovador e sostible senón tamén no coidado dos montes e na prevención dos incendios forestais. Nesta liña lembrou que o terreo forestal ordenado e aproveitado reduce o risco de lumes e avanzou que a Xunta publicará nas vindeiras semanas a actualización do inventario forestal para seguir mellorando na ordenación do monte galego.

























