Consellería de Economía e Industria
A innovación industrial amplía protagonismo nos Orzamentos da Xunta para 2026, con cinco novas liñas de axudas para empresas por importe superior ós 47 millóns

- A Consellería de Economía e Industria terá o vindeiro ano un Orzamento de 443,8 millóns, un 6% máis que no pasado exercicio, pese a perder 41,7 millóns do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE (MRR)
- Logra aumentar os fondos propios en 11,5 millóns e o gasto de investimento en 22 millóns, un 8,5% máis, ao tempo que se reduce o gasto corrente
- O Igape ten consignados 280,7 millóns e contará con liñas novidosas como `Vía rápida á innovación empresarial´, `Autonomía estratéxica de Galicia´, `Innomercado´, `Innotalento´ e `Industria Innova´
- María Jesús Lorenzana avanzou que a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os Orzamentos recolle varias iniciativas para axilizar as tramitacións e facer máis flexibles os mecanismos de venda ou alugueiro do solo empresarial promovido por Xestur
- Xa no ámbito enerxético, a conselleira detallou que en 2026 elaborarase unha base de datos cartográfica e un primeiro borrador do plan sectorial eólico, incluíndo as zonas de aceleración renovable, así como o Documento Inicial Estratéxico e a posterior redacción do Estudo Ambiental Estratéxico.
- A conselleira de Economía e Industria asegura que cos Orzamentos de 2026 “seguimos dándolle a benvida aos proxectos industriais que xurdan de Galicia ou veñan a Galicia, porque en Galicia, a industria é benvida”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, resalta a aposta que vai facer a Xunta de Galicia pola innovación industrial nos Orzamentos de 2026, que recollen cinco novas liñas específicas de axuda para empresas por un importe conxunto superior aos 47 millóns de euros. Lorenzana compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para explicar as contas do seu departamento para 2026, que ascenden a 443,8 millóns de euros, un 6% máis que no pasado exercicio. Isto é porque, pese a perder 41,7 millóns de euros do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE (MRR), incrementa os fondos propios en 11,5 millóns de euros e o gasto de investimento en 22 millóns, un 8,5% máis, ao tempo que se reduce o gasto corrente.
En concreto, o Igape contará para o vindeiro ano cun orzamento de 280,7 millóns de euros. Entre as partidas consignadas destacan, como novidade, as liñas de axuda específicas para innovación. Unha delas, Vía rápida á innovación empresarial, pretende atraer e consolidar proxectos innovadores vinculados con sectores estratéxicos que se presentaron a convocatorias europeas ou nacionais de recoñecido prestixio e que, superando os criterios técnicos de avaliación, non foron seleccionados por esgotamento orzamentario. Outra será o programa de Autonomía estratéxica de Galicia (TIC-MAQ), que responde á necesidade de reducir a dependencia de solucións externas e fomentar unha oferta tecnolóxica propia de Galicia e impulsar o deseño e fabricación de bens de equipo na Comunidade.
Tamén será novidade a liña Innomercado, para impulsar a comercialización en empresas galegas de produtos ou servizos desenvolvidos por startups participantes nas Business Factory. O programa Innotalento, que busca apoiar proxectos estratéxicos, que supoñan a atracción dun perfil de alta dirección (CEO, director de operacións, director de tecnoloxía…) específico para deseñar e executar un proxecto de mellora, transformación ou innovación relevante. E a liña Industria Innova (antigo Fábrica Intelixente), para impulsar proxectos de investigación industrial, de desenvolvemento experimental, e de innovación de procesos e organización nas empresas galegas.

APOIOS PARA IA EN SECTORES ESTRATÉXICOS
Xunto con isto, a conselleira de Economía e Industria apuntou, ademais, que se vai dar continuidade ao programa de apoios para intelixencia artificial pero aplicada á industria e dando prioridade aos proxectos vinculados cos sectores estratéxicos de Galicia. Haberá, así, dúas tipoloxías de axudas: para o desenvolvemento de tecnoloxías e para proxectos de implantación e aplicación de servizos e solucións comerciais con intelixencia artificial.
“Debemos centrarnos na atracción e impulso de iniciativas empresariais que permitan crear emprego de calidade e no pulo aos sectores estratéxicos industriais, tanto dos consolidados, como dos emerxentes ou con maior potencial futuro, como o da seguridade e da defensa”, defendeu María Jesús Lorenzana. Ao respecto, anunciou que a Xunta vai destinar 2,6 millóns de euros para a adxudicación dos primeiros grandes contratos de desenvolvemento tecnolóxico coas empresas tractoras que serán socios estratéxicos da Xunta na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo (IESDA), logo de que se identificasen xa 29 proxectos de investimento de alto interese para seren desenvolvidos ben sexa mediante estes acordos de asociación ou das convocatorias de axudas previstas.
MÁIS OFERTA DE SOLO INDUSTRIAL
En materia de solo industrial, Lorenzana concretou que os Orzamentos da Consellería de Economía e Industria para 2026 recollen unha partida de 30,3 millóns de euros para 26 actuacións que abranguen máis de nove millóns de metros cadrados (9.051.746,23) en diferentes parques empresariais. Destes, 6,6 millóns de euros investiranse na provincia da Coruña; 7,2 millóns na de Lugo; 5,4 millóns na de Ourense; e 11,1 millóns na de Pontevedra. Ademais, indicou que o orzamento dirixido a convocatorias de axudas para a mellora de infraestruturas e servizos nos polígonos industriais de Galicia suma máis de 7,1 millóns de euros para o ano 2026.
Neste contexto, a conselleira apuntou que a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña estes orzamentos recolle diversas iniciativas para axilizar as tramitacións e facer máis flexibles os mecanismos de venda ou alugueiro do solo empresarial promovido por Xestur. Incluirán melloras tanto nos prazos como nas formas ou condicións de pagamento, e permitirán dispoñer dunha oferta de solo continua e permanentemente aberta. Ademais, adaptaranse os custos das parcelas para acadar prezos máis competitivos, co fin de impulsar actividades en zonas que actualmente están menos desenvolvidas no ámbito industrial.

SEGURIDADE INDUSTRIAL E MINEIRA
Lorenzana destacou como outra novidade deste orzamentos a medida extraordinaria que fará posible que as instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial que foron executadas ou reformadas sen que o seu titular levase a cabo o preceptivo rexistro da Consellería competente en materia de industria, poidan ser regularizadas de forma excepcional. Isto, puntualizou, sempre que se demostre que cumprían os regulamentos correspondentes no momento da súa instalación.
As actuacións en materia de seguridade industrial van contar un orzamento de 400.000 euros e, no caso concreto da seguridade mineira, avanzou a aprobación dun plan de inspección que permita garantir un mellor control dos dereitos mineiros e así, avalar unha adecuada explotación e mantemento.
Ademais destacou o orzamento da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) ao crecer un 23,7% ata os 24 millóns de euros. Estarán destinados, principalmente, ás liñas de axuda habituais para tecnoloxías forestais, valorización e construción en madeira. As partidas recollidas para innovación forestal e desenvolvemento de proxectos de mellora que, en total, suman 1,5 millóns de euros, van servir para reforzar os traballos de mellora forestal e ofrecer alternativas á situación sanitaria do piñeiro.
PRIMEIRO BORRADOR DO PLAN SECTORIAL EÓLICO
Con respecto ao ámbito enerxético, avanzou que durante o ano 2026 elaborarase unha base de datos cartográfica e un primeiro borrador do plan sectorial eólico, incluíndo as zonas de aceleración renovable, así como o Documento Inicial Estratéxico e a posterior redacción do Estudo Ambiental Estratéxico.
“Con estes orzamentos seguimos dándolle a benvida aos proxectos industriais que xurdan de Galicia ou veñan a Galicia, porque en Galicia, a industria é benvida”, concluíu a conselleira na comisión parlamentaria.

























