Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana avanza a próxima convocatoria de catro novos concursos de dereitos mineiros en Galicia, con prioridade para materias primas estratéxicas como o wolframio e o litio

  • A resolución do anterior concurso sairá publicada no DOG e no BOE os vindeiros días e ten rexistradas 20 solicitudes, 18 para a provincia da Coruña e 2 para a de Ourense
  • A conselleira de Economía e Industria detallou que a Xunta xa está a traballar nun segundo concurso que compatibilizará materias primas clásicas como o caolín, a arxila ou os feldespatos, con materias primas críticas
  • Ademais adiantou que a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os Orzamentos de 2026 contará cun Plan de inspección mineira que regulará visitas totais ou parciais ás instalacións para levantar acta do seu estado con respecto ao proxecto inicial
  • Lorenzana presidiu en Santiago a primeira reunión do Consello da Minería de Galicia, que agora comeza a constituír os grupos de traballo

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Xunta convocará, previsiblemente no mes de xaneiro, catro novos concursos de dereitos mineiros en Galicia, un por provincia, que priorizarán as materias primas críticas que son estratéxicas para a economía mundial como o wolframio ou o litio. Así o adiantou logo de presidir a primeira reunión do Consello da Minería de Galicia, un órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento do que forman parte varios departamentos da Administración autonómica; colexios profesionais; representantes do sector da lousa, o granito, os áridos, as augas minerais, os balnearios e o de materiais cerámicos; a Cámara Oficial Mineira de Galicia; a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp); a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG); e as organizacións sindicais.

Na xuntanza, a conselleira informou da resolución do anterior concurso de dereitos mineiros caducados, o primeiro en 14 anos, que sairá publicada nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE). Segundo precisou, houbo 20 solicitudes: 18 para a provincia da Coruña e dúas para a de Ourense. Os restantes dereitos que non saíron adiante por falta de solicitude ou porque foron rexeitadas, explicou, decláranse rexistrables, o que permite que se poidan solicitar sen concurso previo por parte de calquera promotor.

Nesta liña, adiantou que a Xunta xa está traballando nun segundo concurso que, dando continuidade ao anterior, vai compatibilizar materias primas clásicas como o caolín, a arxila ou os feldespatos, con materias primas críticas como o wolframio ou o litio, fundamentais para a produción de bens esenciais.

REORGANIZACIÓN DAS INSPECCIÓNS

Lorenzana tamén informou no pleno do consello da inclusión na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os Orzamentos de 2026 dun Plan de inspección mineira que regulará a realización de visitas totais ou parciais ás instalacións para levantar acta do seu estado con respecto ao proxecto inicial. Este plan supón, dixo, “unha reorganización das funcións de inspección para poder intensificar o labor mineiro e, a partir de aí, regularase nunha orde que se traballará no Consello da Minería de Galicia”, abondou.

Segundo explicou a conselleira, é unha medida que forma parte da Estratexia de seguridade industrial na que vén traballando a Xunta ao longo de toda a lexislatura. “Consideramos que é fundamental que este desenvolvemento industrial e mineiro que está tendo a Comunidade autónoma vaia acompasado coa seguridade e saúde laboral”, así como dunha aposta pola sustentabilidade. “Hoxe é un día importante para continuar traballando a favor da minería”, concluíu, para sinalar que o labor do Consello da Minería de Galicia, que se reunirá con periodicidade anual, comeza agora coa constitución dos grupos de traballo.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia