Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Manter e reforzar a colaboración público-privada alcanza valor estratéxico na Xunta para impulsar a competitividade do tecido empresarial galego

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, enxalzou a boa marcha da economía galega nun almorzo-coloquio co director de conxuntura e economía internacional de Funcas, Raymond Torres

  • Precisou que o PIB de Galicia medrou un 4,3% desde a pandemia, fronte a un 2,9% no conxunto de España, e salientou que a Comunidade pechou abril coa cifra máis baixa de parados desde que hai rexistros.

  • En clave exterior, destacou que a internacionalización da economía galega está a mellorar os rexistros históricos de exportacións logrados en 2023, cando se superaron por primeira vez na historia os 30.000 millóns de euros en vendas ao exterior

  • Tamén sinalou o peso que teñen no auxe das exportacións galegas actuacións como as liñas Galicia Exporta, o Plan Foexga, as antenas do Igape ou os programas de bolseiros e xestores de internacionalización

  • Covadonga Toca referiuse a novos retos económicos como o de conseguir que o peso da industria no PIB conquiste o 20% ou o de estabilizar o binomio industria-enerxía

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nun almorzo-coloquio co director de conxuntura e economía internacional de FUNCAS, Raymond Torres, que se celebrou coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e no que avogou por “manter e reforzar” a cooperación público-privada na procura de que o tecido empresarial galego sexa aínda máis competitivo. Esta colaboración, unida ao esforzo de todos os axentes implicados, expuxo Toca Carús, está permitir a “boa marcha” da economía galega, tal e como amosan algún dos principais indicadores económicos.

Neste sentido, a directora do Igape subliñou que o PIB en Galicia medrou un 4,3% con respecto aos datos anteriores á pandemia, fronte ao crecemento do 2,9% do conxunto do Estado; que a Comunidade concluíu abril coa cifra máis baixa de parados desde que hai rexistros; ou que vén de bater, no último ano, o seu récord exportador, superando por primeira vez na historia os 30.000 millóns de euros en vendas ao exterior.

Este escenario, salientou Toca Carús, permite a Galicia partir dunha “boa situación” para afrontar os retos económicos que se presentan, entre os que citou a importancia de conseguir que o peso da industria no PIB alcance o 20%, ou estabilizar o binomio industria e enerxía, atendendo aos recursos naturais dos que se dispoñen.

NOVAS CONVOCATORIAS DE PROGRAMAS

Sobre esta base, incidiu na aposta pola internacionalización, xa que a procura de novos mercados permite “consolidar o crecemento” dunha empresa e ofrece “novas oportunidades que redundan nunha maior riqueza e emprego”. Así mesmo, explicou a directora, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, activou este exercicio novas convocatorias dos programas de bolseiros e xestores de internacionalización, das liñas Galicia Exporta, do Plan Foexga -en colaboración coas Cámaras de Comercio para impulsar novas misións comerciais-, ademais de abrir dúas novas antenas, en concreto en Emiratos Árabes e Xapón.

Neste contexto, sinalou tamén como “factor determinante” do crecemento económico a importancia de “atraer investimentos produtivos”, eido no que resaltou a nova Oficina Económica de Galicia, que se configura como “punto de contacto de información e entrada para iniciativas empresarias e proxectos industriais”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia