Consellería de Economía e Industria
Rueda destaca a cercanía co empresariado galego en desafíos como a falta de persoal en postos críticos, a cobertura de vacantes e o absentismo laboral

- Na Gala das Empresas Ourensás 2025 considerou clave para o desenvolvemento económico e social de Galicia a aposta da Xunta pola estabilidade e a cooperación
- Destacou que aprobar “en tempo e forma” os Orzamentos de 2026 permitirá “manter unha política fiscal responsable, sen subir impostos”
- O presidente da Xunta lembrou que a capacidade de innovación do tecido produtivo valeulle a Galicia ser recoñecida como Rexión Emprendedora Europea 2025
Durante a súa participación na Gala das Empresas Ourensás 2025, que estivo organizada pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a aposta da Xunta por ofrecer “estabilidade, cooperación e sentidiño” para apoiar ao tecido empresarial galego, clave á hora de contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia. Así, lembrou que Galicia “vai aprobar en tempo e forma os orzamentos” de 2026, o que permitirá entre outras cousas “manter unha política fiscal responsable, sen subir impostos”.
Ademais, resaltou que a Xunta está ao carón dos empresarios para resolver algúns dos desafíos actuais como “a falta de man de obra en postos críticos, o absentismo ou a cobertura de vacantes” a través dunha nova oferta formativa para ampliar as competencias dos traballadores ou medidas para atraer a profesionais doutros países.
O compromiso do Goberno galego ás iniciativas empresariais tamén se traduce na práctica en medidas a favor da simplificación e axilización burocrática, o impulso do Diálogo Social ou o apoio ao emprendemento. En referencia a este último punto, cómpre salientar que a capacidade de innovación do tecido produtivo valeulle a Galicia ser recoñecida como Rexión Emprendedora Europea 2025.
Na gala do empresariado ourensán, que recoñece o compromiso das empresas da provincia e premia ás que destacaron en distintos ámbitos como a sostibilidade, a innovación, a internacionalización ou a responsabilidade social empresarial, Alfonso Rueda salientou que o tecido empresarial é un bo exemplo do que significa Galicia Calidade, “desde os máis grandes e potentes ata os pequenos empresarios que levantan cada día a persiana”, e resaltou “que Ourense é unha provincia potente a nivel empresarial”.
Neste acto, o titular do Executivo galego recordou a figura de Marisol Nóvoa, falecida este ano e que fora a primeira muller en presidir a CEO: “Moi cumpridora e cun alto sentido da súa representación institucional”, lembrou Rueda.


























