Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta presenta as alegacións ao borrador de planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica en España para o período 2025-2030

  • O Goberno galego pide incrementar o volume de investimento ata alcanzar como mínimo o 6,7% e garantir así as necesidades enerxéticas dos proxectos industriais
  • Alfonso Rueda defende que as Comunidades necesitan “infraestruturas eléctricas modernas e adaptadas á realidade actual do tecido industrial e ao crecemento previsto no futuro”
  • Critica que dos 13.122 millóns de investimento previstos en toda España, Galicia só recibe uns 215 millóns para novas actuacións
  • A conselleira de Economía e Industria afirma que o Goberno central “está deixando pasar uns anos que son fundamentais” para atraer novos proxectos industriais

A conselleira de Economía e Industria comunicou que o Goberno galego vén de presentar as alegacións ao borrador da nova planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica en España, logo da avaliación do documento o día anterior no Consello da Xunta. María Jesús Lorenzana indicou que a planificación estatal “chega tardísimo”, que está ralentizando o desenvolvemento industrial en España e que discrimina Galicia cun investimento “moi pobre”, de pouco máis de 200 millóns de euros, en torno ao 2% dun total de máis de 13.000 millóns.

A titular de Economía e Industria explicou que o que Galicia demanda é fortalecer toda a rede de transporte eléctrico na Comunidade e, fundamentalmente, naquelas zonas que resultan máis prexudicadas coa planificación proposta polo Goberno central, como a zona centro e oeste da provincia de Lugo “que queda condenada a que non existan grandes e medianas empresas”, precisou, así como a zona de Curtis-Teixeiro e as de transición xusta nas Pontes e Meirama.

“É unha tristeza ver que o Goberno de España, que está agora mesmo distraído noutros temas que nada teñen que ver coa xestión do país e co seu desenvolvemento económico, non pode atender un problema principal como é o transporte de enerxía para os proxectos industriais e que, polo tanto, está deixando pasar uns anos que son fundamentais para atraer novos investimentos”, relatou.

Na data previa a presentación das alegacións da Xunta, e tras o Consello semanal do seu Goberno, Alfonso Rueda comunicou que o Executivo autonómico ía presentar alegacións á proposta de planificación da rede de transporte eléctrica para o período 2025-2030 presentada polo Estado o pasado mes de outubro, xa que “apenas reserva un 2,8% do investimento total para Galicia”. Manifestou que as Comunidades necesitan “infraestruturas eléctricas modernas e adaptadas á realidade actual do tecido industrial e ao crecemento previsto no futuro”. Nesta liña, lembrou que contar con estas instalacións “é fundamental para o desenvolvemento económico".

MÁIS DISCRIMINACIÓN PARA GALICIA

A vixente planificación da rede de transporte para 2021-2026 xa discriminou a Galicia, ao prever menos dun 1% de investimento en redes fronte ao 6,7% no período anterior (2015-2020). Agora, a nova proposta amosa unha continuidade nesta liña discriminatoria polo baixo investimento reiterado que se prolongará como mínimo máis dun lustro, explicou Alfonso Rueda.

Así, pese a que Galicia precisa máis capacidade para a evacuación de enerxía renovable e de consumo coa finalidade de dar resposta ás demandas dos proxectos industriais, o titular da Xunta lamentou que dos 13.122 millóns de euros destinados na nova planificación eléctrica 2025-2030, “o Goberno central tan só asigna a Galicia arredor de 367 millóns de euros do investimento total, é dicir, un 2,8%”, porcentaxe moi por debaixo da achega que realiza a Comunidade galega ao mix eléctrico (8,8%).

Ademais, deses 367 millóns, o Ministerio tan só reserva 215 para acometer novos investimentos ou actuacións, é dicir, un 1,6% do total de fondos a nivel estatal. O resto correspóndese con investimentos non executados da planificación vixente, de maneira que unha parte moi elevada dos investimentos do Goberno arrástrase da planificación actual.

PROXECTOS INDUSTRIAIS EN RISCO

Deste xeito, Rueda advertiu que se poñen en risco “máis dunha ducia de proxectos industriais declarados estratéxicos” para o desenvolvemento industrial da Comunidade, como a planta de produción de metanol verde prevista en Mugardos (Triskelion) ou a central de bombeo reversible CHR Meirama, ambas actuacións na provincia da Coruña. Ademais, a planificación esquece o crecemento que deberá experimentar a demanda enerxética en Galicia nos vindeiros anos nun actual contexto de electrificación da economía mundial que é imprescindible para a súa descarbonización.

Por iso, tal e como explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, a Xunta reclama “máis capacidade de consumo e evacuación” e que a nova planificación “non condene o desenvolvemento económico en determinadas zonas da Comunidade”, como é o caso de Lugo, que “queda absolutamente desatendida salvo na zona norte”.

Neste contexto, o Goberno galego xa vén de rexistrar o documento de alegacións no que reclama o incremento dos investimentos en Galicia ata lograr como mínimo o 6,7% e recorda que a consecuencia directa desta discriminación é que non se atenden todas as necesidades enerxéticas das iniciativas industriais proxectadas para os vindeiros anos. De feito, as actuacións incluídas no borrador da planificación do Estado para o horizonte 2030 representan algo menos de 2.000 MW (en concreto 1.899), malia que o Goberno galego tiña solicitado máis de 8.000 MW de capacidade.

Así mesmo, solicita coñecer a distribución territorial da nova potencia que vai estar dispoñible para o consumo, que se considera imprescindible para poder elaborar unha planificación industrial para os vindeiros anos, ao condicionar a localización na que se poderán implantar novos proxectos industriais.

SEN REFORZOS PARA AS ZONAS DE TRANSICIÓN XUSTA

A Xunta tamén reclama maior investimento nas comarcas de Ferrol e da Coruña, onde non hai novos reforzos para as zonas declaradas de transición xusta tras o peche decretado polo Estado das centrais térmicas. Ambas demarcacións territoriais contan, ademais, con diferentes proxectos industriais a desenvolver. Trátase de iniciativas que, de saír adiante -no caso da de Ferrol- permitirían impulsar o seu desenvolvemento económico e convertela nun polo de atracción industrial.

A incorporación de novas infraestruturas de transporte para a zona central e o oeste da provincia de Lugo é outra das alegacións presentadas pola Xunta, xa que segue sen dispoñer de ningunha subestación, o que frea o seu futuro industrial.

Tal é como xa denunciou o Goberno galego en canto coñeceu o contido do borrador, a falta de investimentos nestas dúas zonas impide dar solución a través da rede de transporte ás necesidades enerxéticas de calquera proxecto cun consumo relativamente elevado na zona e tamén bloquea o asentamento dunha mediana ou grande empresa.

A Xunta insta ademais ao Estado a incorporar nos plans para os vindeiros anos novas infraestruturas naquelas zonas que carecen delas e que contan cunha demanda real. É o caso da zona de Curtis-Teixeiro, con solo empresarial e gran interese en desenvolver proxectos de hidróxeno verde ou centros de datos e para a que o borrador non inclúe unha solución técnica.

No documento de alegacións requírese, así mesmo, investimento para asegurar a capacidade de evacuación de proxectos de xeración de enerxía a partir de fontes renovables, entre elas, as de almacenamento e as vinculadas coa eólica mariña. Son iniciativas para as que o propio Goberno central reclamou o seu desenvolvemento, pero que agora non contempla no borrador malia ser necesarios para seguir favorecendo a penetración de renovables no mix enerxético e avanzar na descarbonización.

Por outra banda, solicítase un reforzo dos nós onde existen proxectos de bombeo reversible. Cómpre lembrar que na actualidade están proxectadas centrais de bombeo reversible deste tipo en Mazaricos, Lousame, A Cañiza, Cartelle, O Saviñao e Entrimo.

En definitiva, Alfonso Rueda avanza que a proposta do Ministerio pode supor un freo ao desenvolvemento industrial de Galicia, xa que unha gran parte das actuacións recollidas na proposta para a Comunidade van dirixidas ao reforzo da seguridade e estabilidade do sistema e apoio ás redes de distribución, pero non á conexión de novos proxectos industriais, tal e como teñen solicitado a Administración galega e o propio sector e como volve a reclamar o Goberno galego coa presentación do documento de alegacións ao borrador analizado no Consello da Xunta.

Ademais, cómpre lembrar que a achega galega ao PIB sitúase en torno ao 5,2% e a cifra de investimento na Comunidade para redes de transporte eléctrica segue estando lonxe do 6,7% do período 2015-2020, do 2,5% do período 2021-2026 e moito máis lonxe aínda da que se prevé para o horizonte 2030.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia