Consellería de Economía e Industria
Lorenzana: “É imposible pensar na industria que vai vir, con proxectos industriais moi intensivos en consumo eléctrico, se non existe unha rede de transporte de enerxía preparada”

- Na inauguración da planta de almacenamento enerxético de Sungrow Renewables en Sanxenxo, a conselleira de Economía e Industria remarcou que a rede precisa dunha reestruturación e que son necesarios proxectos de almacenamento para dar seguridade e flexibilidade ao sistema
- Lembrou as alegacións presentadas pola Xunta á planificación do Goberno central e asegurou que a falta de coherencia co desenvolvemento industrial “estalle pasando factura a Galicia no índice de produción industrial”
Na inauguración da planta de almacenamento enerxético promovida por Sungrow Renewables no polígono de Nantes, en Sanxenxo, a conselleira de Economía e Industria advertiu que “é imposible pensar na industria que vai vir, con proxectos industriais moi intensivos en consumo eléctrico, se non existe unha rede de transporte de enerxía preparada”. María Jesús Lorenzana remarcou que a rede de transporte precisa dunha reestruturación, tal e como Galicia vén demandando, pero tamén, afirmou, son necesarios proxectos de almacenamento para dar seguridade e flexibilidade ao sistema. “O que estamos reclamando é que exista un sistema estable de enerxía en toda España e que, ademais, isto permita ir incrementando a cantidade dispoñible de enerxía para as industrias e o seu abaratamento”, explicou.
A conselleira lembrou que esta mesma semana, a Xunta presentou alegacións á nova planificación da rede proposta polo Goberno que, para Galicia, prevé “reforzos moi modestos” tendo en conta o desenvolvemento industrial que vai ter a Comunidade e o seu nivel de evacuación de enerxía renovable. “A Galicia isto estalle pasando factura no índice de produción industrial”, asegurou.
Nese sentido, considerou moi necesarios os proxectos de almacenamento que permitan aproveitar ao máximo a xeración renovable. “Non hai unha falta en España de produción de enerxía. En Galicia coido que é evidente porque temos unha produción renovable elevadísima, -afirmou-; o que si é verdade é que polo déficit que existe agora na rede non toda a enerxía renovable que se produce se pode evacuar”, abondou.
María Jesús Lorenzana concluíu apelando ao consenso social. “Todas as medidas que estamos regulando e orzamentando configúranse en torno a un pacto de equipo entre a cidadanía, o Goberno e as empresas”, dixo, para destacar a importancia de que non calen “mensaxes superficiais” sobre os proxectos industriais.
A planta de almacenamento enerxético promovida por Sungrow Renewables no polígono de Nantes, Bess Sanxenxo, é un proxecto innovador porque opera de forma independente, sen estar vinculada directamente a unha fonte de xeración renovable.

























