Consellería de Economía e Industria
O parque empresarial de Pereiro de Aguiar avanza na tramitación para incrementar a súa superficie en preto do 40%, con 232.000 metros cadrados adicionais

- A Xunta remitiu a avaliación ambiental o Proxecto de Desenvolvemento Urbanístico (PDU) deste polígono do cinto industrial da cidade de Ourense, para acelerar a creación de máis solo empresarial na provincia
- No mes de outubro o Consello da Xunta xa aprobou a licitación das obras de ampliación do Polígono de San Cibrao das Viñas, que crecerá en 341.500 metros cadrados
- O Goberno galego considera unha prioridade á ampliación dos parques empresariais que conforman o cinto industrial da área metropolitana da capital da provincia
- Os concellos lindeiros de San Cibrao e Pereiro de Aguiar conforman un polo industrial con máis de 440 empresas domiciliadas, que suman un volume de negocio de 2.418 millóns de euros e xeran 9.256 empregos directos
- Ambos enclaves empresariais concentran o 40% do emprego total das empresas da comarca de Ourense e o 38% do volume de negocios das sociedades mercantís
A Xunta de Galicia da un novo pulo á creación de máis solo empresarial no cinto industrial da cidade de Ourense tras remitir a avaliación de impacto ambiental o Plan de Desenvolvemento Urbanístico (PDU) da ampliación do parque empresarial do Pereiro de Aguiar, que suporá incrementar en 231.931 metros cadrados a superficie actual, é dicir, nun 38,4%. O proxecto, que está promovido por Xestión do Solo de Galicia (Xestur), elabórase para desenvolver o Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) do polígono, espazo que non ten parcelas dispoñibles, para atender a demanda de máis superficie de uso industrial na área metropolitana de Ourense.
A ampliación do parque empresarial do Pereiro de Aguiar conta cun orzamento de 19,8 millóns de euros e enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia de crear un tecido empresarial forte e competitivo. Este recinto, situado nas cercanías do Parque Tecnolóxico de Galicia e do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, ten actividade empresarial desde o ano 1996 e conta con referentes da talla de Sociedad Textil Lonia (STL), polo que é o refuxio de talento e creatividade das recoñecidas marcas CH Carolina Herrera e Purificación García.
PULO AO CINTO INDUSTRIAL DE OURENSE
O Goberno galego da prioridade á ampliación dos parques empresariais que conforman o cinto industrial da área metropolitana da capital da provincia. Os concellos de San Cibrao e Pereiro de Aguiar, lindeiros entre eles, conforman un polo industrial con máis de 440 empresas domiciliadas, que suman un volume de negocio de 2.418 millóns de euros e xeran 9.256 empregos directos. A pesares de que apenas rexistran uns 12.500 habitantes, representan o 40% do emprego total das empresas da comarca e o 38% do volume de negocios das entidades mercantís.
O Consello da Xunta aprobou o pasado mes de outubro a licitación das obras de ampliación do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, que incrementará a súa superficie en máis de 341.542 metros cadrados.
Ademais, Xestur ten actualmente en tramitación a redacción dos Peose dos parques empresariais de O Carballiño-Maside e de Paderne de Allariz. En total, serán máis de 2,6 millóns de metros cadrados de solo empresarial os que se porán a disposición das empresas nos próximos anos na provincia ourensán, de acordo coa estratexia de impulsar solo industrial nas grandes áreas de produción, pero tamén naquelas comarcas do interior para fomentar o reequilibrio territorial e frear o seu despoboamento.
A esta superficie industrial hai que sumarlle os 116.985 metros cadrados da ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, que estará dispoñible o vindeiro ano para os empresarios que desexen asentar as súas instalacións na comarca da Limia.

























